Mostrando entradas con la etiqueta Día da Ciencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día da Ciencia. Mostrar todas las entradas

28 ene 2019

Día da ciencia en galego

Coma en cursos anteriores, celebramos o Día da Ciencia e a Tecnoloxía... en galego! Esta vez, fixémolo  o  15 de xaneiro.
Ao longo da xornada, alumnas e alumnos son  protagonistas: organizan os obradoiros, explican as demostracións e experimentos e participan como público en obradoiros alleos.
Neste día tamén nos visita o alumnado do colexio Virxe das Dores.  







 
Velaquí un vídeo resumo das actividades desenvolvidas no IES Chano Piñeiro de Forcarei co gallo desta celebración do Día da Ciencia en Galego do curso 2018/2019. Na actividade, coordinada polo EDLG do centro, colaboraron os departamentos de Bioloxía, Matemáticas e Tecnoloxía. 
Música: "Ata que o lume se apegue" NAO (Un ano máis, grazas, grazas e grazas!)


                                
Vídeo publicado en  http://flortoxo.blogspot.com/, onde se pode obter máis información sobre algúns dos obradoiros.

5 feb 2018

Día da Ciencia en Galego. Máis propostas

Podemos consultar os detalles doutros talleres presentados no Día da Ciencia en Galego no Chano nos enlaces quen seguen. 
Agradecemos a todo o profesorado e alumnado colaborador o esforzo realizado para que esta actividade de difusión científica puidese ser realizada.

Recepción de imaxes dos Satélites meteorolóxicos NOAA: https://inforandu.blogspot.com.es/2018/02/dia-da-ciencia-en-galego-recepcion-de.html 

 

Programación dos robots Mbot Ranger:

https://tecnochano.blogspot.com.es/2018/02/demostracion-e-programacion-dos-robots.html 

 

Día da Ciencia en Galego. Litofanías


                             Iluminación da Litofanía de Chano Piñeiro (música Jean Michel Jarre)


Un  dos obradoiros máis novidosos presentados no Día da Ciencia en Galego foi o das Litofanías.


O traballo consistiu en explicar que son as Litofanías e presentar diversas aplicacións realizadas con elas. As actividades foron elaboradas nas clases de Plástica  e no Taller de Tecnoloxía.

                              Iluminación dunha Litofanía de Chano Piñeiro.   
                                                                                                          

     Realización dunha lámpada cunha pantalla de 4 Litofanías coas imaxes das monitoras.

29 ene 2018

Día da Ciencia en Galego

O pasado martes celebramos no IES Chano Piñeiro o noso Dia da Ciencia en Galego.

Ao longo de toda xornada, o alumnado de todos os cursos do IES e tamén o dos cursos superiores do colexio Virxe das Dores foi pasando por cada un dos obradoiros para coñecer as diversas propostas.

Con esta actividade  pretendemos achegar a ciencia ao  alumnado usando a nosa lingua.
Para iso, organizamos unha serie de obradoiros temáticos desenvolvidos e impartidos polo propio alumnado. Eles  foron os encargados de explicar os contidos aos seus compañeiros e compañeiras e tamén ao profesorado. Nesta actividade multidisciplinar participaron  varios  departamentos didácticos aos que, desde aquí, lles queremos agradecer o esforzo realizado. Os obradoiros deste ano foron os seguintes:
  • Medidas de son co Mbot Ranger (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Litofanías (Dpto. de Tecnoloxía)
  • Mapas meteorolóxicos satélites NOAA (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Métodos de realización de gravados  (Dpto. de Plástica)
  • Policubos e cubo Soma (Dpto. de Matemáticas)
  • Voando con drons  (Vicedirección)
  • Aplicacións das Matemáticas e a Xeoloxía: a topografía (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía)
  • Experimentos  con ovos e As viaxes de Darwin (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía) 
  • Extraendo o ADN  (Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía)



Aquí podemos ver un resumo da actividade.
Audio do vídeo: "O sol e a treboada" NAO

Aplicacións da topografía

O alumnado de PMAR  desenvolveu nas últimas semanas un traballo de medición do patio escolar seguindo tres procedementos distintos: imaxes satelitais, cinta métrica e medios topográficos. 
No Día da Ciencia  en Galego, celebrado recentemente no Centro, mostraron e explicaron os detalles do instrumental utilizado, os métodos aplicados e os seus resultados. 

Aquí amosamos os carteis, presentados ese día,  que recollen a explicación de todo o proceso.


16 ene 2015

Telediver: Isaac Newton e a literatura

Seguimos rescatando materiais que están relacionados co Día da Ciencia en Galego 2014. Nesta ocasión traemos a esta ventá un novo programa de Telediver dirixido nesta ocasión polo alumnado de 3º PDC. Nel, fan un resumo da charla que ofreceron aos seus compañeiros do instituto durante o día da Ciencia e na que nos falaron de Isaac Newton e a súa relación coa literatura.

10 ene 2015

Música de Cristal

Ás veces as novas tecnoloxías xogan malas pasadas e, sen saber por qué e por qué non, certos arquivos desaparecen do ordenador. Isto é o que nos aconteceu con esta gravación que permaneceu agochada ata hai uns días e que, por fortuna, puidemos recuperar.

Trátase do concerto que formaba parte do obradoiro sobre ondas sonoras que desenvolvera o departamento de Música durante a celebración do Día da Ciencia en Galego 2014. Como en directo resultara moi complicado gravalo, o alumnado de 1º de bacharelato ofrecérase a repetilo para que todos e todas o puidesedes disfrutar.
O vídeo tardou en ver a luz...pero aquí o tendes!

13 dic 2014

Premiados por IGACIENCIA!

A Comunidade educativa do Chano Piñeiro está de noraboa xa que dous grupos de alumnos e alumnas do noso instituto conseguiron o segundo premio nos dous concursos convocados por IGACIENCIA co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego 2014. Por este motivo, onte acudiron á Coruña a recoller os seus galardóns e presentar os seus traballos.
@s alumn@s premiad@s co seu profesor Manuel Andújar
Imaxe: Faro de vigo
No concurso Inventa en Galego, os alumnos de 1º de Bacharelato Gabriel Otero, Gabriel Sieiro, Claudio Troitiño e Daniel Varela foron premiados polas súas aplicacións para móbil RuralApp e ForcareiTour coas que podemos buscar información, respectivamente, sobre as casas de turismo rural de Forcarei e sobre lugares de interese turístico da comarca.


Por outra banda, no concurso Sensores para todos  os alumknos e alumnas de 4º PDC foron premiados polo seu traballo de medición do tempo de reacción simple ante estímulos visuais e sonoros e que xa nos presentaran no Día da Ciencia en Galego que celebramos no instituto o 4 de novembro.


Seguiremos informando...



12 nov 2014

Día da Ciencia en Galego (e III)

Aínda que queda algunha sorpresa máis por mostrarvos sobre o que fixemos co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego (permanecede atentos nos vindeiros días...), velaquí tedes o vídeo resumo da actividade.  Disfrutádeo!




A música, un ano máis, corre a cargo dos amigos de NAO co seu tema Cartas no caderno. Desde aquí queremos agradecerlle a súa colaboración prestándonos os seus acordes!

5 nov 2014

Día da Ciencia en Galego (II)

Resulta moi gratificante comprobar como ano tras ano o noso Día da Ciencia afiánzase e vai collendo, se cabe, mellor cor. Cambiamos a ubicación da actividade ao salón de actos e resultou todo un acerto. Convidamos aos nenos e nenas do CEIP Nosa Señora das Dores a que se pasaran por alí e, só con verlles a cara de entusiasmo, interese e agradecemento, pagou a pena. Houbo novidades, si, pero sempre coa mesma esencia: achegar a ciencia ao noso alumnado e, como non, reivindicar o dereito a usar a nosa lingua no ámbito científico.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO 2014
Desde o dpto. de Bioloxía ensináronnos como facer desaparecer o plástico, faláronnos do pH e do efecto da chuvia áceda nas rochas carbonatadas e achegáronnos ao Proxecto Ríos; o dpto. de Música preparounos un concerto cos copas de cristal despois de explicarnos a relación entre as ondas e a música; o dpto. de Matemáticas descubriunos a maxia da banda de Moëbius, desde o dpto de Tecnoloxía puxeron a proba os nosos reflexos e mediron o noso tempo de rección ante estímulos sonoros e visuais cun sensor de infravermellos e, por último, o dpto. de Lengua Española falounos da presenza de Isaac Newton na literatura.

VISITA DOS NEN@S DO COLE
Nos vindeiros dias iremos publicando distintas cousas relacionadas con este día pero, polo de agora, deixámosvos algunha das imaxes da xornada.






Só nos queda darlle as grazas a todo o profesorado e alumnado que participou e se implicou na actividade. Para o ENDL é un orgullo contar coa vosa colaboración! 

2 nov 2014

Día da Ciencia en Galego 2014 (I)


Como temos por costume nos últimos anos, unímonos a esta convocatoria de IGACIENCIA. O vindeiro martes 4 de novembro, o EDLG será o encargado de coordinar esta actividade na que pretendemos achegar a ciencia ao noso alumnado usando a nosa lingua. 

O formato será o habitual destes anos (2011, 2012, 2013): unha serie de obradoiros temáticos desenvolvidos e impartidos polo propio alumnado que serán os encargados de explicar os contidos aos seus compañeiros e compañeiras. Como actividade multidisciplinar que é, son varios os departamentos didácticos implicados e aos que, desde aquí, queremos agradecer a súa colaboración. Os obradoiros deste ano serán:

  • Sensores e tempo de reacción (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Ondas estacionarias na música (Dpto. Música)
  • Isaac Nexton na literatura (Dpto. Lingua Española)
  • A maxia da banda de Moëbius (Dpto. de Matemáticas)
  • Química e bioloxía  (Dpto. Bioloxía) 

Por outra banda, elaboramos dous carteis homenaxeando á figura dos dous persoeiros aos que se lle rinde tributo este ano: o físico Isaac Newton e o matemático de Bermés, Xosé Rodríguez. Estes carteis serán colocados a carón dos dos diferentes científicos aos que se lle dedicou esta cita nos últimos anos e que, pouco a pouco, van formando o noso corredor da Ciencia. Estes carteis fixéronse en colaboración co ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda.

     





20 nov 2013

Telediver: Julio Verne e a Ciencia

Como non podería ser doutro xeito, neste curso volverá a asomarse Telediver polas pantallas cibernéticas do noso IES. Tras a marcha do instituto de Andrea, Dani, Katia, Stefi e Susana (moitas grazas a eles polo seu bo facer e moita sorte no futuro!) nese curso colle o relevo o novo alumnado de 4º Diversificación que, tendo en conta a ilusión coa que colleron este reto, ben seguro que nos darán grandes momentos "televisivos".

O seu primeiro programa serve para mostrarvos un dos obradoiros que se desenvolveu co gallo do IV Día da Ciencia en Galego e que tivo lugar no IES o pasado 5 de novembro. Concretamente, falamos do obradorio no que se explicaba a relación entre a literatura e a ciencia a través da figura do escritor frances Julio Verne.

Alí estaban as cámaras de Telediver e esta é a reportaxe que nos prepararon.



8 nov 2013

IV Día da Ciencia en galego (e III)

Como o prometido é débeda,  aquí tedes o vídeo-resumo das actividades desenvolvidas no IES co gallo do Día da Ciencia en Galego 2013. Disfrutádeo!




Moitas grazas aos NAO por permitirnos usar a súa música neste vídeo!!

5 nov 2013

IV Día da Ciencia en Galego (II)

Esta mañá, como vén sendo habitual nos últimos anos, a ciencia tomou os corredores do IES Chano Piñeiro. Grazas á implicación e colaboración dos departamentos de Bioloxía, Matemáticas, Tecnoloxía, Lengua española, Inglés e Plástica, desde o ENDL puidemos coordinar e organizar unha nova xornada da Ciencia en Galego.
Por medio de cinco obradoiros que desenvolveron e guiaron os propios alumnos e alumnas (aos que lles queremos dar as máis efusivas grazas) todo o alumnado do Chano Piñeiro tivo a oportunidade de construír cúpulas xeodésicas, saber onde está agochado o CO2, experimentar coa resonancia, saber o que son as curvas de Lissajous, coñecer a relación entre Julio Verne e a ciencia ou descubrir os segredos das nosas pegadas dactilares. En definitiva, achegarse e disfrutar do mundo da ciencia.
Deixamosvos coas imaxes desta xornada!!

E para finalizar, e como aperitivo do vídeo que editaremos nos vindeiros días, un dos experimentos que máis chamou a atención dos realizados esta mañá. O efecto que fai o cambio de frecuencia do son sobre un timbal no que depositamos grans de sal. Maxia? Non. Ciencia. (En galego, por suposto!)


2 nov 2013

IV Día da Ciencia en Galego (I)

Un ano máis, xa temos preparadas as diferentes actividades que desenvolveremos co gallo do IV Día da Ciencia en Galego.  Este ano, dedicado á Estatística e á Arte e a Ciencia, ríndeselle homenaxe ás figuras de Isaac Díaz Pardo, Richard Buckminster Fuller e Florence Nightingale. Para que quede a pegada no noso centro desta homenaxe, presentaremos dous carteis conmemorativos nos que falamos da vida e obra destes persoeiros. 

Ademais, na mañá do martes día 5 levaranse a cabo cinco obradoiros nos que os propios alumnos e alumnas exercerán de monitores e lles explicarán aos seus compañeiros diferentes aspectos relacionados coa ciencia.

  • A Xeometría do Son. A Arte da Resonancia (Dpto. Tecnoloxía) 
  • Construíndo Cupulas Xeodésicas (Dpto. Matemáticas)
  • A pegada Dactilar (Dpto. Bioloxía)
  • Onde vai o CO2? (Dpto. Bioloxía)
  • Verne e os seus inventos (Dpto. Lengua Española)
Ademais, e grazas ao Dpto. de Plástica, poderemos achegarnos á relación entre a arte e a ciencia, a súa presenza na natureza e á maxia do movemento.

Agardamos que todo este programa sexa do voso agrado!


10 oct 2013

Día da Ciencia en Galego 2013


Recibimos xa o cartaz do Día da Ciencia en Galego 2013 que este ano está dedicado á Arte e Ciencia (nas figuras de Bucky Fuller e Isaac Díaz Pardo) e á Estatística (Florence Nightingale). 



Como aperitivo ás diversas actividades que iremos desenvolvendo e que terá o seu punto culme cos nosos obradoiros que tanto éxito tiveron nos últimos anos, facémosvos a proposta de participar no concurso de relatos Ciencia que Conta  que organiza o Grupo Divulgatia da Universidade de Vigo. Este concurso, cuxo obxectivo é contribuír a concienciar á sociedade galega sobre a importancia da ciencia no desenvolvemento económico e benestar social de Galiza. Tedes as bases no noso taboleiro ou, se o preferides, podedes descargalas aquí. 

13 nov 2012

III Día da Ciencia en galego (e 3)

Hoxe fai exactamente unha semana da data na que todo o alumnado do IES Chano Piñeiro participou no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego coa súa presenza nos diferentes obradoiros e actividades preparadas para a ocasión. O seguinte vídeo é un breve resumo de todo o que puidemos ver (e aprender) nese día:


Desde aquí, só nos queda agradecerlle a tod@s os monitores e a todos os Departamentos participantes a súa colaboración e implicación!

7 nov 2012

Calculadoras...

A principal actividade levada no centro en torno á figura de Ramón Verea, inventor homenaxeado no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego, é unha pequena e modesta exposición destes aparellos de cálculo. A carón das calculadoras gráficas e científicas que todos estamos acostumados a ver, aparecen pequenas xoias; aparellos que contan con máis de medio século de historia e que están a despertar a curiosidade entre o alumnado:  unha Original Odhner dos anos 20, unha Hamman Manus de finais dos anos 30 ou dúas Olivetti de principios dos anos 60. Tod@s se preguntan como podían levar eses aparellos á escola...



Acompañando a esta exposición dispoñemos duns paneis onde, dunha maneira resumida, se explica a evolución e historia das calculadoras desde o ábaco ata as máis desenvolvidas calculadoras gráficas da actualidade.




6 nov 2012

As "nosas" máquinas de Leonardo

Entre as actividades relacionadas co III Día da Ciencia en galego, o Departamento de Tecnoloxía encargouse de preparar as relacionadas con Leonardo da Vinci. Así, presentou as maquetas construídas no taller en anos anteriores, fancedo os arranxos precisos e acoplando as noras para auga aos proxectos das máquinas de Leonardo I e II.

Velaquí  podedes ver as maquetas en acción:



5 nov 2012

III Dia da Ciencia en Galego (2)

Mañá, martes 6 de novembro, comezaremos coas actividades que temos preparadas co gallo da Semana da Ciencia. Igual que no curso pasado, presentaremos dous carteis conmemorativos dedicados aos dous persoeiros aos que se lle adica este ano o Día da Ciencia en galego: Leonardo da Vinci e Ramón Verea. Precisamente, e en homenaxe ao inventor estradense da primeira calculadora que permitía facer multiplicacións, teredes a oportunidade de disfrutar dunha pequena exposición na que se analiza a historia da calculadora e poderedes ver unha mostra destes aparellos na que apreciaredes a súa evolución ao longo dos últimos 60 anos.  

Ademais, levaranse a cabo cinco obradoiros dirixidos por varios alumnos e alumnas que se prestaron voluntari@s para facer de monitores e que vos achegarán diferentes curiosidades relacionados co mundo da ciencia. Por suposto, tod@s estades convidad@s!!


Os obradoiros, organizados polo departamentos de Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía, Música e Matemáticas, en colaboración co ENDL serán:

  • LEONARDO E A TECNOLOXÍA (Dpto. Tecnoloxía) Presentaranse unha serie de actividades en torno á figura de Leonardo da Vinci
  • enCANTAdores (Dpto. Música) Explicarase a relación existente entre a música e a matemática
  • MICROSCOPIO. CONSTRÚE O TEU CROMOSOMA (Dpto. Bioloxía) Diversas actividades preparadas polo departamento de bioloxía nas que o microscopio será parte importante
  • MATEMAXIA (Dpto. Matemáticas) Maxia e matemáticas contrúen un universo de ilusión onde só os números teñen a resposta.
  • XOGANDO COA QUÍMICA (Dpto Física e Química) Diversos experimentos para aprender máis sobre os fenómenos que nos rodean
E remataremos a quincena coa visita ao Museos das Ciencias da Coruña na vindeira semana...
SEGUIREMOS INFORMANDO!