23 feb 2021
Aprazamento da conmemoración do Día de Rosalía
A causa da vacinación do profesorado que vai ter lugar o mércores, pospoñemos a conmemoración do Dia de Rosalía para o vernes ás 13:25.
Estade pendentes da nova programación!!
Día de Rosalía
Desde aquí podedes ver en directo o noso acto de conmemoración do Día de Rosalía, "Rosalía e o mar". Mañá, mércores 24, ás 13:25
21 feb 2021
Conmemoración do Día de Rosalía
Un ano máis, conmemoramos no noso centro o Día de Rosalía. E este ano escollemos como tema “Rosalía e o mar”. A natureza foi moi importante na obra de Rosalía de Castro; toda a natureza de Galicia, o mar e a montaña, as veigas e os prados, as fontes e os regatos pequenos, os montes e os ríos, a vexetación e a fauna... Neste momento en que vivimos, limitados nos movementos, lembrámonos especialmente do mar, porque está lonxe de nós, non podemos achegarnos a el e sentir a súa fermosura e a súa forza. Na obra de Rosalía o mar foi moi importante e aparece en moitas ocasións, con distintos significados e diferentes simboloxías. Segundo deixou escrito o seu marido, Manuel Murguía, “o mar foi, na natureza, o seu amor predilecto”.
Por iso nós nesta ocasión queremos lembrar a relación entre Rosalía e o mar e, ao mesmo tempo, facer unha homenaxe ao noso mar e á nosa paisaxe costeira, partindo dun poema de Cantares gallegos, “Nosa Señora da Barca”, en que a autora recrea o ambiente dunha das festas máis concurridas da Galicia mariñeira, a da Nosa Señora da Barca, en Muxía, partindo dunha coñecida copla popular:
“Nosa
Señora da Barca
ten o
tellado de pedra.
Ben o
puidera ter de ouro
miña Virxe, se quixera!”