25 jun 2014

E isto é todo!

Chegamos ao remate do curso 2013/2014 tras moitas horas de traballo e damos por pechado este capítulo. Agora toca tomarse un par de mesiños de descanso (que boa falta fan!), relaxar a mente, reinventarse e prepararse para volver con forza a partir de setembro.

E, como despedida, aquí vos deixamos o boletín dixital de Lingua de Montes onde se resume este curso do EDLG en imaxes e palabras. Unha publicación sinxela, humilde, pero que nace coa intención de ir mellorando ano a ano, paseniño, e coa esperanza de que vaia medrando coas vosas aportacións.



Boas e merecidas vacacións tod@s!

24 jun 2014

Visita a Celanova

O xoves día 19 de xuño o alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato achegáronse á fermosa vila de Celanova para realizar o Roteiro Curros Enríquez que coordina a fundación que leva o seu mesmo nome. Esta é a crónica da viaxe:

    A rota dou comezo na Vilanova dos Infantes (das Infantas segundo Ferrín e Celso Emilio). Lugar de nacemento do autor de Arraianos e espazo no que se desenvolve unha das lendas cantadas por Curros que deu coñecer a este autor: A virxe do CristalDon Adolfo Enríquez, o crego que custodia a devandita imaxe, con paciencia e amabilidade relatounos a súa historia e os misterios que a rodean. E cando xa nos íamos a casualidade levounos a descubrir outra xoia coa que non contábamos, un cristo crucificado do século XII. Quizais a obra máis valiosa da imaxinería románica galega.
    Xa en Celanova visitamos pola mañá o Mosteiro e a igrexa mozárabe. Tivemos ocasión de viaxar no tempo e sentármonos onde séculos antes oraban os monxes que mantiñan o monopolio da cultura letrada. Paseamos polo claustro, subimos ao coro e revivimos o mundo no que se desenvolveu a infancia de tres dos meirandes escritores da nosa literatura.
   Na casa de Curros soubemos da súa vida atafegada e comprometida, do seu pai autoritario e da súa vocación temperán. Recitamos os seus poemas e usamos dos recursos que a Fundación que leva o seu nome puxo ao noso dispor para profundar na súa obra. Logo na biblioteca do Mosteiro, lembramos o poema escrito por Celso Emilio cando foi preso nas súas estancias polo réxime franquisa triunfante e que tan ben deixara descrito na súa “Longa noite de pedra”.
    Ao fin, polo serán chegamos a Santa Comba de Bande, unha pequena igrexa construída durante segunda metade do Século VII no estilo arquitectónico visigodo vixente no sudoeste da Europa nesta época. Santa Comba de Bande é a única igrexa deste período que se conserva na súa integridade.

    A beira desta igrexa atópase Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, foi un campamento romano situado nos Baños de Bande e ocupado entre o último cuarto do século I e mediados do II. Remontámonos milenios para pisar as ruínas do que fora un enclave fundamental para gardar a Vía XVIII ou Vía Nova, que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta. O Centro de Interpretación que abriron expresamente para a nosa visita axudounos a entender mellor as xentes que habitaran aquel lugar e moitas das inquedanzas que posuían e que dalgún xeito se manteñen na actualidade a respecto daquela globalización romana na que a nosa Terra temos abundantes vestixios.


23 jun 2014

Contos do Museo 2014

O pasado venres  20 de xuño o alumnado de 1º ESO e 2º ESO achegouse á cidade de Lugo para visitar o Museo Provincial e realizar a actividade didáctica que xira en torno ao libro Contos do Museo.

   A saída didáctica a Lugo comezou cunha actividade que nos axudou de xeito lúdico a coñecer as xoias que garda o Museo Provincial desa cidade. O alumnado de 1º e 2º da ESO, logo de ler os relatos que servirían de base para a actividade, participaron nun concurso para desentrañar os misterios que se lle presentaron.
   Ao remate tivemos ocasión de visitar o centro de interpretación da Muralla, para entender mellor a visita que logo faríamos a esta, percorréndoa na súa case totalidade. A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325.

   Pola tarde o alumnado tivo ocasión de navegar por unha das arterias fundamentais do noso país gozando das vistas que desde o rio se podían contemplar nas beiras frondosas do Miño.   



21 jun 2014

A misterio da casa encantada

Cando alguén é quen de mobilizar a tanta xente para realizar un proxecto quere dicir dúas cousas: que ten moita paciencia e moito talento. Isto foi o que fixo Isabel, profesora de música do IES Chano Piñeiro, o pasado mércores 18 de maio con todo o seu alumnado para darlle forma a un conto musical que levou por título "O misterio da casa encantada".
Isabel con Jacobo, Rafa, Andrea,
Sofía e Lucía que exerceu de narradora
A idea xurdiu de Andrea, Sofía, Rafa e Jacobo catro alumnos de 1º de bacharelato que foron os que crearon, deron forma e puxeron en escena esta historia de misterios e pantasmas; das voces e dos instrumentos encargáronse o resto dos mozos e mozas de Música ata conseguir un espectáculo redondo que puidemos desfrutar profes, alumnos e pais do IES Chano Piñeiro e o alumnado e profesorado do CEIP Nosa Señora das Dores.
Parabéns para tod@s!

Isto é o que Isabel nos conta sobre a experiencia:
O Misterio da Casa Encantada, primeiro Conto Musical do IES Chano Piñeiro

      Supoño que cada docente pensará o mesmo da súa materia. De aí que eu, que estou na media, crea que ser profesor ou profesora de música é en Galicia un verdadeiro desafío, máis se traballas nun centro rural como o de Forcarei. Chega principio de curso e automaticamente se che transforma a cara nun sudoku musical onde tes que combinar en cada clase a alumnos con moita bagaxe que tocan nas bandas de música e gaitas da zona, con alumnos que (afortunadamente!!!) aínda lembran as aprendizaxes musicais do cole onde estudiaron primaria; alumnos que xa levan tres cursos contigo con alumnos cos que só estiveches un ano; alumnos de diversificación na mesma aula que os de ordinario,...
E entón pensas: “Uhhhhh!!!!!!”
Pero esto é en setembro. Antes, en agosto –coa tranquilidade das vacacións, o beneplácito da boa gastronomía e o pouso de interesantes conversas- empezas a darlle voltas ao curso e perfilas un proxecto musical que englobe a todos os teus alumnos. “Cantos máis participen, menos vergoña para as interpretacións”, pensas. Tamén te fixas en cada alumno, en que lle gusta, en que destaca, e lembras que vas volver a ter na túa aula estudiantes aos que lles gustaba escribir. Engades a todo esto a túa propia paixón pola ópera, musicais e teatro, e deixas que todas estas ideas te arrolen provocando un apracible e fermoso sono que finalmente se cumpre a finais de xuño. 

Deste xeito, vimos de estrear o primeiro mini-musical do Chano Piñeiro: O Misterio da Casa Encantada. (Preme encima do título se queres saber cal é o argumento do musical!). 

En realidade estábamos predestinados a esta actividade, desde que Les Misérables se estreou nos cines de Galicia en decembro de 2012, proxectamos o DVD en novembro de 2013 e asistimos algúns de nós ao musical que chegou a Vigo en febreiro deste ano. As imaxes e a música impactaron de tal forma que algo (ou todo) cambiou nos alumnos de 4º e Bacharelato, e a partir de aí todo foi moi fácil.

Sobre todo, pretendín que o noso conto fora en realidade o “Conto dos alumnos de Bacharelato”, que eles mesmos propuxeran, decidiran e levaran a cabo: tiveron a idea do argumento, escribiron boa parte dos diálogos, fixeron decorados, elixiron aos outros protagonistas, decidiron como se actuaba... O Departamento de Normalización Lingüística colaborou na coherencia e corrección do guión; Anxo (ademais) preparou o folley e xunto cos Departamentos de Francés e Filosofía responsabilizáronse de fotografía e camarógrafía; Marco, noso bedel de oído exquisito, reconverteuse en técnico de son; e desde o Departamento de Música, aportamos a Banda Sonora e a coordinación de toda a función.

Quedounos bastante operístico, argumentalmente coma se Verdi e Wagner fixeran mesa redonda con Carlos Ruiz Zafón e Isabel Allende. Ollo, só argumentalmente: no tocante á música resultamos... digámolo así... “bastante eclécticos”, xa que alternamos obras de coro de Antonio Garcia-Palao Redondo, cun fragmento de Les Misérables de Boblil e Schönberg; a versión de Gary Jules de Mad World, e un Vals instrumental de Brahms.

E mentres Lucía narraba o conto, Rafa, Andrea, Sofía e Jacobo representaban as diferentes escenas, ao tempo que todos os alumnos de música do IES Chano Piñeiro reforzaron os momentos máis dramáticos con obras musicais en diferentes estilos e linguas. Durante hora e cuarto, todos xuntos e ao mesmo tempo.

Sudoku resolto (para este curso). Veñen as vacacións... “Uhhhhh!!! Que apuntarán cara a setembro?”

20 jun 2014

Publicidade en galego(II)

Como xa vos anticipabamos, velaí vai a seguinte tanda dos anuncios publicitarios realizados polo alumnado de 4º ESO:

Jonathan Rubia realizou este spot turístico do Concello de Forcarei:


Roberto Cerviño propónnos unha forma de poñerse en forma moi particular...


e, por último, Gabriel Otero e os seus cordóns luminosos!


19 jun 2014

Constelación semántica Forcarei - Silleda

Forcarei e Silleda son dous concellos limítrofes. As vilas distan entre sí 15 quilómetros en liña recta e entre Cerdedo e Pazos hai 26 km. Unha distancia ben pequena! Porén, a riqueza semántica da nosa lingua é tal que xa en algo tan esencial para o noso agro como os apeiros de labranza atopamos diferenzas. E que dicir das partes do carro!
O alumnado de 4º ESO do IES Chano Piñeiro e o de 3º ESO-B do IES Pintor Colmeiro de Silleda andou a pescudar estes nomes. E David Cabaleiro aínda chegou máis alá, dánnonos a base do traballo que vos amosamos; música e presentación serviron de puntos de partida para este vídeo que ilumina o que nunca debemos perder: a nosa lingua.

De agasallo, cos apeiros vai asemade unha choiva de palabras molladas, un son característico de noso que agardamos o cambio climático non nos roube.

18 jun 2014

Premiados!

Esta mañá entregamos os premios dos tres concursos que puxemos en marcha nas últimas semanas.

VI CONCURSO DE PROXECTOS EMPRENDEDORES. Concurso realizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Forcarei (ACEF) e no que resultaron premiadas Noelia López e Alba Taín polo seu proxecto Grobas Termal.


III CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA. Realizado en colaboración co Dpto. de Matemáticas e no que resultou gañadora Tamara López Álvarez de 3º PDC pola fotografía "As bágoas semiesféricas na parábola"




II CONCURSO DE ESOPÍAS. Resultou premiada a esopía escrita por Cristina Casado Gil de 2º ESO.
Sae o neno á tarde matinando en varios temas: "Sei facer ciencias, xeometría, álxebra". Dubidando ver na súa mocidade unha lingua de poetas ante nós



16 jun 2014

Nós tamén contamos!

Esta mañá tivemos a segunda parte desta actividade que desenvolvimos en colaboración co CEIP Nosa Señora das Dores. se na primeira parte, eran os mozos e mozas do Club de Lectura os que representaban a obra "Os fillos do rei" para os cativos e cativas das aulas de Infantil, nesta ocasión o alumnado de 4º PDC achegouse á biblioteca do colexio para contarlle aos nenos e nenas de infantil e de 1º de Primaria algún conto clásico da literatura infantil sempre, iso si, con algunha modificación improvisada (non sempre os malos son tan malos!). A ratiña presumida, Os tres porquiños ou A rá tragona sacaron o sorriso agradecido dos máis pícaros do cole!


No próximo curso máis e mellor! Prometido queda!

13 jun 2014

Publicidade en galego (I)

Velaquí vos deixamos os primeiros spots publicitarios creados polo alumnado de 4º ESO. Tratábase de ter unha boa idea, botarlle imaxinación e, por que non dicilo, botarse unha risas!
Isto foi o que saiu! (Ollo! Haberá segunda parte...)

María Duvale coa súa chocolatina que fai perder o sentido...


Dani Varela ofrece unha crema facial un tanto peculiar...


Gabriel Pazos danos a clave para mergullarse no mundo paranomal: o Pantasmeitor Plus


Carlos Penelas  ofrécenos as súas camisolas...picaronas!



7 jun 2014

Contacontos: A Hora azul

O pasado xoves día 5 recibimos a visita de Marta e de Brais, A Tropa de Trapo, co seu espectáculo A Hora Azul.  Primeiro unha sesión de contacontos dirixida ao alumnado de 1º e 2º ESO coa música da guitarra portuguesa, do laúde árabe ou do caixón flamenco, con historias que veñen doutras culturas, doutros pobos. Despois, un obradoiro no que traballaron técnicas de expresión corporal, e faláronnos da importancia de escoitar, da forza intimidatoria da mirada, do traballo colectivo na creación dun conto...
Mágoa non dispor de máis tempo para desenvolver máis de vagar todas estas dinámicas teatrais que tanta valía teñen nas nosas vidas!
Pero, quen sabe, ao mellor os nosos camiños se poden volver cruzar noutra ocasión...

2 jun 2014

Music-galeguízate: The Homens

Daniel Varela, de 4º ESO, achéganos o seu traballo sobre o grupo compostelá The Homens.


...e deixa un par de recomendacións da súa música:



1 jun 2014

Ditos de aquí e de acolá!

O reto era recompilar refráns ou frases feitas na nosa lingua e atopar os seus equivalentes noutras linguas. A partir desa idea, o seguinte obxectivo era plasmar nunha imaxe ou nunha gravación ese dito. Non sempre se conqueriu, pero estas son algunhas das propostas para esta actividade feita polo alumnado de 2º ESO...

- Quen moito enfeixa, pouco ata!
- El que todo lo quiere, todo lo pierde.
- Grasp all, lose all.



- A todo porquiño, lle chega o seu San Martiño
- Everyone gets his comeuppance in the end

- Comer e rascar todo é empezar!


- Mexan por nós e temos que dicir que chove



- Chove a mares
- It´s raining cats and dogs!


- Ao que madruga, Deus o axuda
- Al que madruga, Dios le ayuda!
- The early bird catches the worm