22 dic 2017

Calendario Terra de Montes (Forcarei)

Neste  mes de decembro agasallamos a todo o alumnado e as súas familias, o profesorado do Instituto e tamén aos colexios de Soutelo, Cerdedo e Virxe das Dores cun calendario para o ano 2018: Nomes de Terra de Montes (Forcarei).
Velaquí o resultado.



18 oct 2017

A biopsia líquida

A doutora TERESA CURIEL estivo no IES Chano Piñeiro, co alumnado de 4º de ESO e Bacharelato para falar do cancro e a biopsia líquida. Esta oncóloga e investigadora forma parte de  Oncomet, Oncoloxía Médica Traslacional, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. 
Foi un pracer escoitar as súas explicacións.
Agradecemos a súa  desinteresada colaboración.







                         




17 oct 2017

As nosas parroquias, as nosas aulas


Acabamos de poñerlles nome ás aulas do Centro. Cada unha delas ten ao lado da porta un fermoso cartel co nome dunha parroquia do concello de Forcarei. Un mapa, unhas imaxes e o estudo toponímico (realizado pola profesora Clara Iglesias) compoñen cada unha das placas.  Velaquí unha reprodución.


15 jun 2017

Verso a Verso


Presentamos tamén, dentro desta sección de videopoemas, colaboracións do alumnado. Neste caso foi Sebastián  Álvarez, de 4º de ESO,  quen nos engaiolou coas súas creacións. Grazas, Sebas.


5 jun 2017

En Celanova e Bande

O pasado 1 de xuño estivemos en Celanova,  terra de Curros e Celso Emilio. Visitamos a Casa dos Poetas e o mosteiro de san Salvador. Despois fomos a Vilanova dos Infantes e, por último, ao campamento romano  Aquis Querquernis, en Bande. Literatura, historia, arquitectura... e moita diversión






2 jun 2017

A nosa toponimia

O pasado 31 de maio estivo no noso instituto  Gonzalo Navaza. Ademais de escritor, tradutor e profesor da Universidade de Vigo, é unha  verdadeira autoridade en cuestións de toponimia. Falounos durante dúas horas sobre a orixe dos nomes das parroquias e lugares do concello de Forcarei. 
Agradecémoslle que compartise connosco parte do seu saber.









19 may 2017

Visita a Ponteceso


O alumnado de 1º de BAC, 4º e 3º de ESO pasou unha xornada en Ponteceso, o berce dePondal.
A primeira sorpresa foi a vista ao dolmen de Dombate.
A continuación, iniciamos un percorrido de 5,5 km, desde a casa de nacemento do escritor e o malecón construído pola súa familia, polo esteiro do río Anllóns, a enseada da Ínsua  e  as dunas da Barra, ata a praia de Balarés. Pola tarde, subimos ao alto do monte Branco  e estivemos no cabo Roncudo, lugar de singular beleza.
Rematamos a xornada na Fundación Eduardo Pondal.








17 may 2017

Un ilustrador no Chano Piñeiro

Anxo Fariña estivo coas alumnas e alumnos de 1º de ESO na tarde do 16 de maio para contar en que consistía a tarefa  de ilustrador.
Velaquí o agasallo que nos deixou.






16 may 2017

Correlingua 2017

Un ano máis, o alumnado do Chano Piñeiro achegouse á Estrada para participar na carreira pola nosa lingua acompañando ao alumnado de todos os centros educativos do Concello estradense a ao do IES Pintor Colmeiro de Silleda. 
Unha visita obrigada para por en valor a nosa lingua, a nosa cultura. Para reivindicar o seu uso en todos os eidos. A lingua como vehículo para abrir cancelas. A chave que abre todas as portas. 



Antía, Olivia e Cristina. de 4º ESO, foron as encargadas
de dar lectura ao manifesto do Correlingua'17
 



19 abr 2017

Química en Galego!

O grupo de innovación docente CienciaNOSA da USC vén de publicar a nova versión en galego da Táboa Periódica dos Elementos, un documento que xa está accesible en liña na páxina web da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Esta nova achega é froito dun traballo realizado por docentes e investigadores do Departamento de Química Inorgánica da USC no que se recollen os catro novos elementos incorporados pola International Union fo Pure an Applied Chemistry (IUPAC) a finais do ano 2016.
     Reproducímola a continuación.


23 mar 2017

Centenario da morte de Pondal

Recentemente, a profesora Pilar García Negro estivo no noso centro para falarnos de Pondal e iniciar así a conmemoración dos cen anos da morte deste egrexio escritor. 






 

14 mar 2017

Celebrando o Día PI

Esta semana o Chano Piñeiro emana Matemáticas en cada un dos seus recunchos para conmemorar un deses días marcados en vermello no calendario para os amantes dos números.

Un número PI con máis de vinte dos seus infinitos decimais adorna os corchos dun dos corredores...

Ilustracións de Petra Rau

... a poesía matemática de José Antonio Hervás e Mario Daniel Casas adorna as escaleiras principais do centro...


... e podemos atopar distintos retos e xogos matemáticos en varios recunchos do instituto cos que poñer a proba a nosa habilidade e destreza. E todo, por suposto, na nosa lingua.




Verso a Verso: Día PI

Co gallo da celebración hoxe 14 de marzo do día PI, o alumnado de 1º de bacharelato tivo a ben agasallarnos con este vídeo-poema no que recitan un poema extraído do libro Número e de de Estíbaliz Espinosa.

24 feb 2017

Verso a Verso: Especial Día de Rosalía

Todo o alumnado  quixo celebrar este 180 aniversario do nacemento de Rosalía participando na gravación de diferentes poemas da autora.  
As alumnas e alumnos do IES  Chano Piñeiro deséxanlles a todos, hoxe e sempre, un FELIZ DÍA DE ROSALÍA!.


Ilustrando a Rosalía

Nas últimas semanas, o alumnado de Plástica ilustrou   poemas de Rosalía de Castro. Os de 1º de ESO  traballaron con "Unha vez tiven un cravo" e os demais con "¿Tas-tis, tas-tis!, na silenciosa noite", para participar no concurso ILUSTRANDO A ROSALÍA. O traballo ganador imprimiuse nunha tarxeta de felicitación, xunto co poema, para distribuír como agasallo a toda a comunidade educativa e na vila de Forcarei. Con este motivo, diferentes grupos de alumnas e alumnos, ao longo da semana, repartiron as felicitacións e recitaron versos da escritora na praza do Concello, na Residencia da 3ª Idade, no colexio Virxe das Dores e na gardería. Tamén interpretaron a Alborada de Rosalía, coa letra do poema que cerra Cantares gallegos, que xa en 1920 fora popularizada polos Gaiteiros de Soutelo.
      Aquí está a ilustración premiada (José Álvarez López, 4º de ESO) e outra  que  recolle o texto.


https://photos.google.com/share/AF1QipO5Te9y2PdkXssp7uy8GsmlK7nq6OnPcBFLZ8XGL3-YHp444kSt9oZGQ9KwN8-fow?key=b2lhV19paWNxYzJVa2cxUkQ1WFdRT0ZjX1lyV2p3 
Preme en  Rosalía para ver outras imaxes

14 feb 2017

Verso a Verso: Moraima

Co gallo do día dos Namorados, achegámosvos a segunda entrega do proxecto Verso a Verso
Nesta ocasión, o alumnado de 1º B recitanos este canto de amor que Celso Emilio dedicou á súa dona, Moraima


6 feb 2017

Entrevistamos a Anik Nandi

Despois da charla, Anik Nandi aceptou amablemente ser entrevistado polo alumnado de 1º de Bacharelato. Velaquí unha mostra.

 

5 feb 2017

Visita de Anik Nandi

Anik Nandi estivo connosco este venres, día 3 de febreiro. Veu para pronunciar unha charla baixo o título O galego é un mundo.  Explicou, entre moitas outras cousas,  que temos máis de  7000 linguas e que o 94% da poboación mundial fala unha lingua que ten menos de 100 000 falantes. Algo que nos chamou a atención é que en Bengala Occidental, o lugar da India onde el naceu,  se falan 91 idiomas e máis de 700 en todo o país, aínda que só 22 son linguas oficiais. Insistiu en que falar galego é o que garante a súa pervivencia.
Anik Nandi é un sociolingüista que chegou a Galicia hai dez anos e que enseguida empezou a aprender galego. Despois fixo un curso de postgrao na USC  e recentemente doutorouse na Universidade Heriot-Watt de Edimburgo cunha tese que analiza a situación sociolingüística da nosa lingua.
Grazas Anik, por compartir algúns dos teus coñecementos e, sobre todo, por traballar pola nosa lingua.

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER A MÁIS FOTOGRAFÍAS


Unha das anécdotas da charla foi cando Anik nos recitou un fragmento do poema Galicia de Manuel María en bengalí.

Galicia somos nós,
  a xente e maila fala.
     Se ti buscas a Galicia,
  en tí tes que atopala.

2 feb 2017

Abre portas co galego!

A partir dunha idea de Manuel Núñez Singala, o EDLG do Chano Piñeiro decidiu crear uns carteis para recordarnos a todos, pais e nais, alumnado, profesores e visitantes do blog en xeral, que o galego non é un idioma tan minoritario. De todas as linguas do mundo só 9 (menos do 0,3% do total) pasan de 100 millóns de falantes. Hai 389 linguas con máis dun millón de usuarios, mentres que a maioría, o 94%,  non chegan aos 100.000 falantes. 
En galego e co galego podemos abrir todas as portas: a chave témola nós.
        Deseño:  Xosé Anxo Fernández, membro do Equipo









Nota: As imaxes para a realización destes cartaces están baixo licenza Creative Commons e foron descargadas da web pixabay.com

Verso a verso: Esperanza

Comezamos con este poema de Celso Emilio Ferreiro pertencente ao seu libro Viaxe ao país dos ananos, unha serie de videopoemas recitados polo alumnado do centro e que iremos colgando durante estes meses.

Baixo o nome de Verso a Verso, con esta actividade pretendemos achegar aos mozos e mozas do Chano Piñeiro as palabras dalgúns dos poetas máis sobranceiros da nosa Terra.

1 feb 2017

De novo no teatro

Todo o alumnado de 1º  de Bacharelato e o de 3º e 4º de ESO fomos ver, o pasado 26 de xaneiro, unha obra de teatro baseada en diferentes relatos de Cousas. A adaptación do texto de CASTELAO e posta en escena foi levada a cabo polo grupo Os Quinquilláns. 
Vimos como se poden mesturar sobre o escenario sombras, máscaras, títeres con actores ou actrices. Resultou ser unha "lectura"  entretida e imaxinativa.




24 ene 2017

Teatro, Pelos na lingua, e visita ao Parlamento

O martes, 17 de xaneiro, as alumnas e alumnos de 3º, 4º e 1º de Bacharelato fomos a Santiago para ver unha obra de teatro e coñecer o Parlamento. Primeiro, estivemos no Salón Teatro vendo a representación de Pelos na lingua, da compañía Thalía Teatro. Pareceunos realmente divertida. Despois, fomos ao Parlamento. Alí explicáronnos as súas funcións (lexislativa, de control do Goberno e nomeamento de cargos) e o funcionamento dos diferentes grupos políticos.

PREME NA IMAXE PARA VER MÁIS FOTOS