23 dic 2020

Calendario 2021: Os encantos de Terra de Montes

Un ano máis, quixemos agasallar a toda a comunidade educativa do noso IES cun calendario. Nesta ocasión, as protagonistas son as lendas tradicionais vencelladas a lugares concretos de Forcarei e de Cerdedo. O noso país, Galiza, é rico en cultura popular, en historias de maxia e encantamento: os mouros, os seus tesouros agochados, os bechos que os gardan, os feitizos, as fadas, a comunicación cos mortos...; todo acompañado de fotografías de lugares de fermosura engaiolante.   Estarán connosco mes a mes para facernos lembrar a necesidade de valorarmos  o noso patrimonio e para axudarnos a manter viva a maxia, aínda nestes tempos pouco propicios para os encantos e a fantasía. Feliz 2021 para todos e todas!

21 nov 2020

Conmemoración virtual do 25 de novembro


Velaquí tendes o enlace para conectarvos en directo  coa actividade.


Certame de escrita sobre machismos e desigualdade

Ao longo da historia fóronse establecendo relacións de poder desiguais entre mulleres e homes na nosa sociedade, levando as mulleres a unha situación de subordinación.

As violencias e desigualdades de xénero  aséntanse en costumes, ideas e pautas culturais que aprendemos  desde que nacemos. As seguintes afirmacións  son algunhas desas perigosas crenzas que moitos e moitas de nós temos interiorizadas:

1. O amor pode con todo
2. Por amor eu faría calquera cousa
3. Os celos son unha demostración de amor.
4. Todas as persoas temos unha media laranxa nalgún sitio
5. Cando amas  unha persoa, non desexas a ninguén máis.
6. O amor verdadeiro perdoa e aguanta todo
7. Se me queres, tes que contarmo todo
8. Se lle quero,  debo deitarme con el cando mo pida, aínda que non me apeteza


Escolle unha das afirmacións anteriores e escribe un texto en que deas a túa opinión e  fagas as  túas reflexións persoais sobre ela.  
Haberá dúas categorías: 

1) BACHARELATO

2) 3º e 4º ESO




30 jun 2020

Que soe a música!

Chegou o verán, pero este ano non sabemos se haberá festas e se poderemos escoitar as orquestras. 
Aínda así, música non ha  faltar. Deixamos aquí uns enlaces onde podemos atopar cancións de todos os estilos e para todos os gustos.

Preme  en calquera das liñas que seguen e..., que soe a música!

30 propostas de música en galego actual que tes que coñecer

Queres música en galego? Consulta a lista definitiva cos grupos e os xéneros













22 may 2020

Verso a verso: Todos os días son días das Letras (III)

"O neno preguntaba", outro poema de Celso Emilio, na voz de alumnado de 1º de ESO.
Para todos os nenos e nenas e para os que deixaron atrás a súa nenez. Para seguirmos preguntando, na aula ou desde a casa; para que todos os días sexan días das Letras.

20 may 2020

Verso a verso: Todos os días son días das Letras

Esta vez, decidímonos por un poema que evoca o mar, areais, solpores e ronseis, soños e lembranzas. Volvemos con outro poema de Celso Emilio Ferreiro, "Muller espida con mar ao fondo", do libro O soño sulagado
Porque todos os días son Días das Letras!

18 may 2020

Verso a Verso: Semana das Letras

Un ano máis, conmemoramos a Semana das Letras, aínda que dun xeito especial: desde a casa. Alumnas de 4º comparten connosco a gravación  do poema "O medo" pertencente ao libro O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro. 
O poeta fálanos dos medos dun neno, que desaparecen cando a nai está onda el. 

                                             "Soio cando chegaba ós meus ouvidos
                                             a doce voz de mel da miña vella,
                                             eu xa non tiña medo.

                                            Agora non comprendo  
                                            como aquil ser tan cativo,
                                            aquela vella nena tan endébel,
                                            (nos seus ollos azures
                                            había luces de amenceres novos)
                                            podía escorrentar tan grande medo."



16 abr 2020

Quedamos na casa..., lendo!

A editorial Xerais pon á nosa disposición catro libros para ler sen saír da casa. Un deles é para os máis pequenos, Feliz Feroz, o lobiño riquiño, dun autor que publica baixo o  pseudónimo de El Hematocrítico. O segundo, de Teresa González Costa, Fred Quincalla, o nómade do mar  é para lectores de máis de oito anos. Vaia tropa!, de Antón Cortizas é un libro de poemas. Para o público xuvenil,  Xerais ofrece o  libro IV da serie Dragal, A estirpe do dragón, de Elena Gallego.
Agradecémoslle esta  iniciativa que compartimos desde aquí a Edicións Xerais.


                                                   PREME no título para ler:


https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/feliz_feroz_o_lobo_riquinho_ok
                                     
                                                 Feliz Feroz, o lobo riquiño


                                    
                                              Fred Qincalla, o nómade do mar


                                       
                                                         Vaia tropa!


          
                                               Dragal IV. A estirpe do dragón











15 abr 2020

Querido avó, amada avoa: Para vós, sempre

Nestes tempos escuros, non queremos nin podemos esquecer as persoas maiores. Queremos dicirlles que estamos ao seu lado;  con angustia, pero tamén con esperanza. 

Ana María Fernández, escritora galega nacida en Palma de Mallorca, ten, no seu libro Amar e outros verbos, un fermoso poema dedicado á vellez.  

Recollemos aquí o videopoema, feito polo noso ex-alumno Sebastián, que aparece nunha das páxinas anteriores deste blog,en honra de todos eles  . 

                https://linguademontes.blogspot.com/2017/06/verso-verso.html


                                            Envellecer     
 
Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos.


                               
         

25 mar 2020

Quedamos na casa! Aquí temos catro xogos


Estamos na casa, si, estes días quedamos na casa. 
E temos moitas maneiras de pasar o tempo: unha delas é  xogando. A asociación Socio-Pedagóxica Galega ofrécenos, de balde, catro xogos :
o Trivial.GZ, o Ledtrad@s.gz, o Xogo da Curuxa e o Catapalabras ou Categorizando.                 
Son xogos para nenas e nenos e tamén para adultos. 

Podemos ver máis información sobre estes xogos tamen en





3

28 feb 2020

Nasín cando as plantas nasen


                                               Nasín cando as plantas nasen,
                                               no mes das flores nasín, 
                                               nunha alborada mainiña... 

Estes versos de Cantares Gallegos foron o punto de partida da Semana de Rosalía este ano. Nos seus poemas nomea moitas plantas e sobre elas traballamos: A exposición As plantas de Rosalía con estrofas e ilustracións realizadas polo alumnado, a lectura dos poemas e o agasallo dos marcapáxinas.
Velaquí unha pequena mostra.








24 feb 2020

Verso a Verso: Día de Rosalía 2020

Cada 24 de Febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, para recordar a data de nacemento da escritora.
O alumnado de 1º de ESO protagoniza, desta vez, este videopoema.

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!


 

5 feb 2020

Os nosos apelidos teñen dereito..., a estar correctos e en galego

Ao longo do mes de xaneiro, puidemos ver no Centro unha exposición sobre os apelidos máis comúns entre o alumnado, o seu significado ou a súa orixe.
Ao mesmo tempo, levamos a cabo unha campaña de información sobre as formas correctas de ditos apelidos, moitos deles deturpados desde hai máis dun século, así como unha ampla explicación acerca de como recuperar os nosos apelidos auténticos.





          PREME NA IMAXE INFERIOR  PARA VER TODA A INFORMACIÓN

https://www.chano.gal/novas/os-nosos-apelidos-tamen-tenen-dereitos


25 ene 2020

Teatro..., no Chano

A actriz Estíbaliz Veiga estivo con nós representando un monólogo, Golpes, baseado nunn caso real de violencia de xénero.  Esta actividade enmárcase no programa que se está desenvolvendo no Centro "365 días pola igualdade".




7 ene 2020

Calendario


Un ano máis, desde o IES Chano Piñeiro, quixemos agasallar a toda a comunidade educativa cun calendario. Esta vez, o río Lérez, desde o seu nacemento ata a desembocadura, foi o protagonista. A literatura popular, textos de Otero Espasandín (nacido na parroquia de Castro, Cerdedo) ou de Otero Pedrayo e breves explicacións, noutros casos, acompañan as imaxes que figuran  nas súas páxinas. Estarán connosco mes a mes para recordarnos a beleza e a importancia do noso patrimonio único.