Percorremos as rúas de Pontevedra e Ferrol da
man de dúas personalidades que contribuíron a toma de conciencia de si mesmas
das mulleres (Concepción Arenal) e dos galegos (Castelao).
Da man de Castelao partimos do Museo de
Pontevedra no que atopamos algúns dos seus cadros senlleiros e seguimos as súas
pegadas polos lugares que el andou nos seus anos da capital do Lérez. Mesmo nos
achegamos ao que fora aquel proxecto científico e económico que promoveron os
galeguistas e amantes da nosa terra chamado Misión Biolóxica de Galicia.
O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato
do IES Chano Piñeiro, tiveron ocasión de saber máis da historia das pedras que
hoxe sosteñen a nosa mirada e que en tempos escoitaron os grandes proxectos que
para mellorar e desenvolver o noso país tiveron os da xeración “Nós” e que
mesmo, como no caso de Bóveda, pagaron coa súa vida a fidelidade ás súas ideas.
O alumnado de 1º e 2º da ESO, dentro do
proxecto Donas de si da Consellaría de Educación, visitaron o Ferrol de
Concepción Arenal. Ademais de saber da historia desta cidade en feminino en
xeral, profundamos especialmente nalgunhas das súas veciñas máis ilustres.
Especialmente nos chamou a atención Aurora e a súa filla Hildegard Rodríguez
Carballeira.
Quizais podíamos facer unha conexión entre
ambos os dous Rodríguez. Hildegard e Alfonso Daniel. Unha foi un proxecto de
liberación da muller que se trasladou a Madrid para atopar máis eco nas elites
do Estado, tentando desde o centro e desde arriba mudar o mundo. Outro,
Castelao, ficou na Terra, para desde este recuncho transformar as cousas. Ambos
os dous atoparon coa inxustiza e a incomprensión dos privilexiados e poderosos
cos que -aínda que desde camiños distintos- acabaron topando.
E as cidades, Pontevedra e Ferrol, reflicten
tamén ambas as dúas dimensións destes Rodríguez. A primeira, a máis antiga
grande cidade galega, coas características propias do país (axeitadas as
abundantes choivas e do granito que tanto abunda), a outra, creada por decreto
a partir da nada, cuadriculada e racionalista a imaxe e semellanza do Estado
que a fundou. Quizais ambos espazos tiveron inflenza na personalidade dos
escritores que fomos coñecer no seu ambiente. Castelao dicía que os galegos
adentramos na nosa paisaxe e a nosa paisaxe adentra e nós. Non é raro atopar
trazos do diferente contexto urbano na obra de Castelao e na de Hildegard. Os
rapaces de Forcarei quizais logo de visitar estes lugares comprendan mellor o
seu pensamento.