30 oct 2012

María Fumaça

Vén de editarse un deses pequenos carameliños docese pracenteiros para os sentidos. Un libro-CD-DVD que desde aquí queremos recomendar para as peticións dos máis pequenos nas súas cartas ao Reis Magos: "María Fumaça...cantar e bailar para ser máis feliz". Publicado por Galaxia  conta coa colaboración de artistas como Magín Blanco, Uxía, Carlos Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina ou Sergio Tamus, que se unen para dar forma a un proxecto, segundo o seu editor, vitalista e solidario.
A publicación xira entorno a Ruí, un cativo con parálise cerebral a quen os seus amigos e familia agasallan con cancións no seu aniversario e que, a pesar das súas dificultades pode disfrutar da música, cantar e bailar; ao fin, disfrutar da vida.


E este é unha das pingas que podemos atopar. Un mercado do máis xeitoso, gozádea!

23 oct 2012

III Día da ciencia galego


Con esta xa van tres as edicións do Día da Ciencia en Galego e, como non podía ser doutro xeito, xa estamos a preparar diversas actividades para a súa celebración durante a primeira semana de novembro. Como podedes comprobar no cartel oficial, este ano dedicáselle a Tecnoloxía e réndeselle homenaxe ás figuras de Leonardo de Vinci e Ramón Verea.
Se queredes máis información premede aquí.

Para ir entrando en calor, podedes botarlle un ollo ao vídeo onde se resumen as actividades dos curso pasado. Seguiremos informando...



9 oct 2012

Eu falarei...

Traémosvos hoxe a esta ventá o marabilloso lipdub que gravou a comunidade escolar do IES de Chapela a finais do curso pasado. Ben seguro que foron moitas horas de traballo e sacrificio (ata fixeron casting de voces!) pero o resultado paga, e moito, a pena.



O ENDL do Chano Piñeiro ten proxectado durante este curso gravar algún vídeo de dinamización da lingua galega.
TES ALGUNHA IDEA?  Xa sabes, ponte en contacto connosco e levarémola a cabo!

4 oct 2012

Navega en galego!

Desde o ENDL do IES Chano Piñeiro queremos apoiar a campaña Navega en Galego! na que se anima á galeguización dos navegadores web. No panel do ENDL tes toda a información e podes atopar as instrucións necesarias para configurar o idioma galego como preferido no navegador do teu ordenador.
Ten en conta que, con este sinxelo xesto:
  • Influirás para que se creen versións en galego das webs
  • Sairanche as webs multilingües no idioma do país
  • Potenciarás a busca na Galipedia
  • Baixarás os programas multilingües en galego
  • Impulsarás o emprego na terra


   

Anímaste??  

Máis información: http://navegaengalego.blogspot.com.es/

3 oct 2012

Nace "Ollos de aula"

Parece que a volta ao instituto vén cun pan debaixo do brazo. Nace a revista Ollos de aula, editada pola Coordinadora Galega de ENDL e cuxo obxectivo é, segundo aparece na súa presentación, "achegarvos información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais". Desde este recuncho só nos queda expresar os nosos parabéns por esta iniciativa.

Descarga aquí a revista ou, directamente, bótalle un ollo!




2 oct 2012

Twitter en galego!


Pasou máis dun ano desde que botara a andar a iniciativa Twitter en galego, a través da cal os internautas galegos pelexaron pola normalización lingüistica na web, reclamando como obxectivo principal a incorporación do galego coma opción na configuración persoal da rede social Twitter. Por fin, hai uns días vén de confirmarse que a coñecida rede social abrirase a 16 novas linguas entre a que figura a nosa. Ao incorporarse estas linguas ao sistema de Twitter permítese que as comunidades de usuarios poidan traducir de xeito voluntario as cadeas de texto desta plataforma dunha forma colaborativa co obxectivo de que na nova actualización do Twitter poidamos gozar da súa interface en galego. Unha boa nova que permitirá un novo pulo á presenza da nosa lingua nas redes sociais e, de paso, na Internet.

1 oct 2012

Un novo curso...

Ola a tod@s!

O ENDL do IES Chano Piñeiro quere darvos a benvida a este novo curso 2012/2013 agardando que teñades todas e todos un bo ano académico. Pola nosa banda, seguiremos a traballar en prol da defensa da nosa lingua.
E para comezar, traemos aquí (din que máis vale tarde ca nunca) o vídeo de animación á lectura presentado a finais do curso pasado e no que participou toda a comunidade educativa do Chano Piñeiro.
Porque cremos, ante todo, na lectura no noso idioma, na nosa lingua.