Mostrando entradas con la etiqueta Deporte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Deporte. Mostrar todas las entradas

3 jun 2013

Premio Leixaprén 2013



A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de outorgar o Premio Leixaprén 2013 ao triatleta Javier Gómez Noya. Fillo de emigrantes galegos en Suíza, criouse na cidade de Ferrol, onde reside, e adestra habitualmente no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Na actualidade é un dos triatletas máis importantes do panorama internacional con tres campionatos do Mundo e tres de Europa nesta disciplina deportiva, ademais da medalla de prata obtida na pasada Olimpíada de Londres. 

Javier, que ten manifestado publicamente a importancia do uso da lingua galega, foi galardonado por empregar a nosa lingua de forma habitual tanto nos medios de comunicación, como nas charlas e/ou manifestacións públicas. Parabéns para el!!!


22 abr 2013

Quentando motores para o Correlingua


O vindeiro 8 de marzo o alumnado da ESO acudirá a Silleda para participar no Correlingua 2013. Xa andamos argallando cousiñas para que a voz dos rapaces e rapazas do Chano Piñeiro se fagan notar!!

Nesa cita lerase o seguinte manifesto escrito polos alumnos e alumnas de 4ª ESO do IES A Pinguela de Monforte, pero non quixeramos rematar este artigo sen felicitar aos nosos veciños do IES Pintor Colmeiro de Silleda polo seu segundo posto neste concurso co manifesto que podedes ler premendo aquí.


Manifesto Correlingua 20013

A miña lingua é segura,
O falar non ten cancelas
Unha casa  sempre  aberta
Que todos debemos protexer.
A miña lingua  é  miña nai
É honroso ter unha lingua
Fermosa, digna, que abre portas
Que non ten chaves, que nada pecha,
Ela mesma é a chave do mundo.
A miña fala é o máis importante,
Debo honrala cando a uso
Sentirme orgulloso de tela
Por ser o meu carné de identidade.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Do seu pasado glorioso no medievo
Debemos sentirnos en débeda
E propoñernos fortemente devolverlle
a importancia que nunca debeu perder.
Loitemos xuntos por fortalecela
Fagamos visíbel esa chave de ouro
Que nos abre todas as portas do mundo,
E ofreceremoslle un futuro digno.
Soñemos que somos os  dignos fillos
Da nai patria que todo nolo entregou,
Defendamos esta cultura e esta fala
Que coas súas bágoas protexeu
E en herdanza nos legou .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.
Sexamos herdeiros merecentes
Da fala de Rosalía, do pobo de Pondal
Do progreso de Curros, da poesía social
De Celso Emilio, dos contos de Ánxel Fole,
Da patria que amou o artista Castelao,
Da imaxinación prodixiosa de Cunqueiro,
Da nova narrativa galega, do  noso teatro,
E até do códice calixtino....
E doutros mil nomes máis da nosa literatura,
Pero non debemos quedar só aquí,
Os soños poden ser realidade.
Debemos saír das tristes tebras,
Das néboas para poder ver lucir o sol.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Propoñamos como bandeira
A defensa da nosa lingua
Poñamos a nosa alma en falala
Que o noso corazón sexa o galego,
Que o brillante azul do noso mar
Sexa o brillo da nosa lingua
Sexamos nós valerosos soldados
Que loitan con pacífica arma
Que leda sae dos  nosos beizos,
Non a deixaremos morrer,
Sempre estaremos á súa beira,
Mesmo coa propia vida gardaremos
A importante chave que  temos .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

17 feb 2013

Deporte... en galego!

Gústache o deporte? Eres dos que sempre lle botas unha ollada a algún xornal deportivo? Pois hoxe queremos facerche unha recomendación. Trátase da páxina web taboas.org, un novo portal deportivo onde poderás atopar toda a información referida ao deporte galego e, por suposto, na nosa lingua.

As últimas novas do Celta, do Depor, do Obra e de calquera outro clube deportivo do país poderalas atopar nesta páxina a golpe dun clic. Como di o slogan da web: Onde o deporte galego atopa o seu equilibrio.

Desde o ENDL do Chano Piñeiro querémoslle amosar os noso apoio e agradecemento aos administradores da páxina polo seu traballo!