22 jun 2013

Día de Turismo Literario

O pasado venres 14 de xuño, parte dos membros do Club de Lectura viviron unha marabillosa experiencia literaria mentres disfrutaban dun día de turismo. Isto é o que a profe Isabel nos contou sobre a experiencia:

"Hai veces en que as cousas saen ben. Porque si,  porque as fadas, a sorte ou as casualidades así o deciden. Porque o círculo se pecha sen arestas e che queda un día redondo.
Explicacións? Non: tiña que ser ben… e foi!

Tras varios meses de choiva, o sol amenceu con ganas de presumir e nos alegrou todo o camiño. E como  ademais nós levábamos na mochila ganas, unha botella de auga e moita literatura interesante, emprendemos un camiño que nos levou a Pontevedra e ás Illas Cíes.  

Incrible, pero pateamos nunha mañá 2000 anos de historia da cidade a través dos versos da Ilíada, das Cantigas de Paio Gómez Charino, das Divinas Palabras de Valle Inclán; da narrativa en primeira persoa de Filomeno, a mi pesar, de Torrente Ballester e dos zombis vírico-pandémicos de Manel Loureiro.

Precisamente este autor sacou outro bolillo no encaixe da súa axitada vida para tecer con nós un aperitivo literario nunha das cafeterías históricas da vila. Durante hora e media, este encantador de persoas nos hipnotizou cos seus libros, as súas historias  e os seus azos para ser mellores persoas. Manel Loureiro despediuse de nos deixándonos a mochila repleta dunha sensación de “euforia – eu podo” difícil de describir: conseguiu que nos ilusionáramos ao saber que nós mesmos temos a chave de acceso á maxia das nosas vidas e que só depende de nós abrila; que nos sentíramos afortunados por ser intrépidos exploradores de historias cada vez que abrimos un libros; que valorásemos a sorte que temos porque somos quen de emocionarnos cun libro.
Pola tarde, Jules Verne esperábanos en Vigo, acompañado por Aronnax, Conseil, Ned Land e toda a tripulación do Nautilus. En realidade non foron 20.000 leguas baixo dos mares, pero si un bonito paseo en barco hasta as Illas Cies. E entón empezamos a ler, e as palabras pouco a pouco se transformaron en brétemas que –ao disiparse- nos amosaban fermosos tesouros de galeóns afundidos, dobróns de ouro soterrados no fondo de Rande, lingotes e xoias das Indias Orientais esparexidos nos sedimentos submariños…

Hai veces que as cousas saen ben. E o roteiro saíu realmente ben.
Así que, cando xa de noite, lemos a última páxina do venres 14 de xuño e lle apagamos por fin a luz ao día, o balance foi unha sensación de satisfacción. De optimismo. De quedar animicamente ben.

E entón pensamos nas acercadas palabras de Manel Loureiro: satisfacción, optimismo, benestar… Si, porque o Club de Lectura está formado por xente que lle abre a porta a todas estas sensacións.
Lóxico entón que teñamos por Obxectivo: A Lúa!"


Aquí podedes ver todas as fotos da viaxe:

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.