24 feb 2015

Día de Rosalía (I)


Un ano máis, chegado tal día coma hoxe, lembrámonos do nacemento de Rosalía de Castro cun acto homenaxe co que queremos poñer en valor a súa figura, a súa literatura e todo o que significa para as nosa letras.

Así, no noso particular Día de Rosalía, celebramos un certame de recitado de poemas da autora no que o alumnado de 3º ESO, 4º ESO e Bacharelato puxeron en escena algunha das obras de Rosalía. Non quremos deixar pasar a oportunidade de agradecerlle ao alumnado a súa participación pero, como non poden gañar todos, os premiados foron Fátima Álvarez de 1º Bac na categoría individual e Iago Gamallo e Iván Soto de 3º ESO na categoría de grupos.
Fátima (1º BAC) en plena actuación
Iván e Iago recollendo o seu premio
    Nos vindeiros días, mostrarémosvos a gravación do acto pero, a modo de adianto, traémosvos o poema colectivoque escollemos para esta ocasión e no que máis de trinta alumnos e alumnas aportan o seu gran de area: Estranxeira na súa patria.

6 feb 2015

Ollos de Aula nº 19

Un novo número da revista dirixida ás familias editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

2 feb 2015

Día da Paz 2015


O pasado venres 30 celebramos o Día da Paz. Unha actividade dirixida desde a biblioteca na que todo o alumnado e profesorado do centro participou, a modo de exemplo de actividade colaborativa, na mudanza de todos os libros da Biblioteca cara a o espazo que será a súa nova ubicación. Así, dispuxéronse preto de 150 cadeiras ao longo dos corredores cubrindo a distancia entre as dúas aulas de xeito que, un a un, os libros dos primeiros andeis foron atopando acougo no seu novo fogar.




Previamente, o alumnado de 1º e 2º ESO leron unha serie de manifestos pola Paz e interpretaron a canción Les enfants de la Terre que, previamente, fora subtitulada ao galego polos mozos e mozas de 2º ESO nas súas clases de francés. Unha solta de globos no medio da treboada púxolle o broche de ouro á xornada.





16 ene 2015

Telediver: Isaac Newton e a literatura

Seguimos rescatando materiais que están relacionados co Día da Ciencia en Galego 2014. Nesta ocasión traemos a esta ventá un novo programa de Telediver dirixido nesta ocasión polo alumnado de 3º PDC. Nel, fan un resumo da charla que ofreceron aos seus compañeiros do instituto durante o día da Ciencia e na que nos falaron de Isaac Newton e a súa relación coa literatura.

10 ene 2015

Música de Cristal

Ás veces as novas tecnoloxías xogan malas pasadas e, sen saber por qué e por qué non, certos arquivos desaparecen do ordenador. Isto é o que nos aconteceu con esta gravación que permaneceu agochada ata hai uns días e que, por fortuna, puidemos recuperar.

Trátase do concerto que formaba parte do obradoiro sobre ondas sonoras que desenvolvera o departamento de Música durante a celebración do Día da Ciencia en Galego 2014. Como en directo resultara moi complicado gravalo, o alumnado de 1º de bacharelato ofrecérase a repetilo para que todos e todas o puidesedes disfrutar.
O vídeo tardou en ver a luz...pero aquí o tendes!

22 dic 2014

Peor imposible...con Peter Punk

Despedimos o 1º trimestre coa actuación dun dos pallasos máis coñecidos (e recoñecidos) do país: Peter Punk. O artista achegounos o seu espectáculo Peor Imposible co que conseguiu sacarnos máis dun sorriso co seu humor e artes circenses. Iso sí, máis dun e dunha levou, como agasallo prenavideño, unha pequena molladura.



Ademais, aproveitouse o acto para rendir homenaxe aos catro alumnos de bacharelato que foron premiados no concurso de Igaciencia.



18 dic 2014

Coñecérmonos o noso: Aciveiro e o Candán

     A menos de unha ducia de quilómetros do Instituto temos un patrimonio excepcional, tanto no arquitectónico como no natural. O mosteiro de Aciveiro e a serra do Candán son dous lugares que teñen moito que dicir sobre a nosa historia, e sobre a beleza da nosa paisaxe.
    Por iso o alumnado de PDC do IES fixo o pasado 24 de novembro unha visita a estes lugares para aproveitar o preto que estamos destes espazos privilexiados para poder poñer rostro e nome a moitos dos conceptos que estamos a estudar en historia, xeografía, arte, etc.... Así, no mosteiro puidemos apreciar diferentes estilos arquitectónicos que foron sedimentando a través do tempo, en diferentes estratos, o que hoxe podemos contemplar. O senlleiro románico da igrexa é alterado por elementos góticos (a porta da sacristía) ou barrocos (retablo) e mesmo neoclásicos como a fonte do claustro.
    A sociedade daquela época amosouse aos nosos ollos filtrándose baixo as restauracións que sufriu o mosteiro. O feudalismo, as rendas dos mosteiros, as actividades autárquicas e mesmo cara o mercado como é o caso da venda de neve, o esplendor da Galiza do século XII e XIII, a decadencia dos séculos posteriores. Mesmo atopamos ao mestre da escolástica, Tomé de Aquino, un dos filósofos máis relevantes da historia, presidindo o retablo.
    Hai dous sepulcros na nave da igrexa. Un nobre que dá conta do xeito de comprar o ceo que tiña esta clase social, e outro atribuído ao abade Gonzalo das Penas. Este debeu ser un bo gobernante do mosteiro que mesmo foi canonizado como santo. Entre as súas obras puidemos apreciar a fermosa ponte de Andón, enclavada nun entorno recollido e poboado de árbores senlleiras, que fan esta unha das máis apreciadas das moitas que ten o río Lerez até a súa chegada a Pontevedra.
Logo de visitar as pontes colleumos rumbo cara o cumio do Candán. Íamos a busca das neveiras. Unha produción característica desta zona, a neve, que tantos beneficios deu noutros tempos. Non foi doado, máis ao fin atopamos estes recintos empedrados nos que se ía recollendo a neve até que ben prensada, convertida en xeo, era exportada ás cidades galegas e mesmo as doutros lugares da península.



 
 Foi unha xornada breve pero intensa de coñecer máis do que temos no Concello no que está encravado o noso IES. Ás veces non hai que ir moi lonxe para atopar grandes monumentos nin paraxes fermosos. Cómpre abrir os ollos ao noso entorno e valorar o que posuímos.

13 dic 2014

Premiados por IGACIENCIA!

A Comunidade educativa do Chano Piñeiro está de noraboa xa que dous grupos de alumnos e alumnas do noso instituto conseguiron o segundo premio nos dous concursos convocados por IGACIENCIA co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego 2014. Por este motivo, onte acudiron á Coruña a recoller os seus galardóns e presentar os seus traballos.
@s alumn@s premiad@s co seu profesor Manuel Andújar
Imaxe: Faro de vigo
No concurso Inventa en Galego, os alumnos de 1º de Bacharelato Gabriel Otero, Gabriel Sieiro, Claudio Troitiño e Daniel Varela foron premiados polas súas aplicacións para móbil RuralApp e ForcareiTour coas que podemos buscar información, respectivamente, sobre as casas de turismo rural de Forcarei e sobre lugares de interese turístico da comarca.


Por outra banda, no concurso Sensores para todos  os alumknos e alumnas de 4º PDC foron premiados polo seu traballo de medición do tempo de reacción simple ante estímulos visuais e sonoros e que xa nos presentaran no Día da Ciencia en Galego que celebramos no instituto o 4 de novembro.


Seguiremos informando...



2 dic 2014

Exposición fotográfica: A horta e o xardín do IES

Tamara , autora das fotografías

Durante as últimas semanas tivemos a oportunidade de disfrutar no noso centro dunha exposición formada por unha serie de fotografías realizadas pola alumna de 4º ESO, Tamara Álvarez no curso pasado sobre a Horta e o xardín do instituto.
As imaxes da mostra foron utilizadas na elaboración do herbolario do IES e na elaboración da memoria do traballo presentado ao I Premio Nacional de Huertos escolares ecológicos de España.

Vista Panorámica da Exposición