18 dic 2014

Coñecérmonos o noso: Aciveiro e o Candán

     A menos de unha ducia de quilómetros do Instituto temos un patrimonio excepcional, tanto no arquitectónico como no natural. O mosteiro de Aciveiro e a serra do Candán son dous lugares que teñen moito que dicir sobre a nosa historia, e sobre a beleza da nosa paisaxe.
    Por iso o alumnado de PDC do IES fixo o pasado 24 de novembro unha visita a estes lugares para aproveitar o preto que estamos destes espazos privilexiados para poder poñer rostro e nome a moitos dos conceptos que estamos a estudar en historia, xeografía, arte, etc.... Así, no mosteiro puidemos apreciar diferentes estilos arquitectónicos que foron sedimentando a través do tempo, en diferentes estratos, o que hoxe podemos contemplar. O senlleiro románico da igrexa é alterado por elementos góticos (a porta da sacristía) ou barrocos (retablo) e mesmo neoclásicos como a fonte do claustro.
    A sociedade daquela época amosouse aos nosos ollos filtrándose baixo as restauracións que sufriu o mosteiro. O feudalismo, as rendas dos mosteiros, as actividades autárquicas e mesmo cara o mercado como é o caso da venda de neve, o esplendor da Galiza do século XII e XIII, a decadencia dos séculos posteriores. Mesmo atopamos ao mestre da escolástica, Tomé de Aquino, un dos filósofos máis relevantes da historia, presidindo o retablo.
    Hai dous sepulcros na nave da igrexa. Un nobre que dá conta do xeito de comprar o ceo que tiña esta clase social, e outro atribuído ao abade Gonzalo das Penas. Este debeu ser un bo gobernante do mosteiro que mesmo foi canonizado como santo. Entre as súas obras puidemos apreciar a fermosa ponte de Andón, enclavada nun entorno recollido e poboado de árbores senlleiras, que fan esta unha das máis apreciadas das moitas que ten o río Lerez até a súa chegada a Pontevedra.
Logo de visitar as pontes colleumos rumbo cara o cumio do Candán. Íamos a busca das neveiras. Unha produción característica desta zona, a neve, que tantos beneficios deu noutros tempos. Non foi doado, máis ao fin atopamos estes recintos empedrados nos que se ía recollendo a neve até que ben prensada, convertida en xeo, era exportada ás cidades galegas e mesmo as doutros lugares da península.



 
 Foi unha xornada breve pero intensa de coñecer máis do que temos no Concello no que está encravado o noso IES. Ás veces non hai que ir moi lonxe para atopar grandes monumentos nin paraxes fermosos. Cómpre abrir os ollos ao noso entorno e valorar o que posuímos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.