O venres 28 de marzo, o alumnado de 4º da ESO e 3º PDC percorremos da man do escritor Carlos Solla o chan sacro do cumio do Monte
Seixo, un entorno máxico que durante séculos sedimentaron lendas populares a partir da orografía emocional e material do terreo, erguendo interpretacións
do que alí acontecía, do que as pedras contaban e do que un podía albiscar alén
do común grazas a situación elevada no que se atopa. Elevados no físico e no
metafísico. Deixando pegada na conversa da comunidade que o circunda, e tamén
reflexo na literatura máis universal a través de referencias nas Cantigas de
Santa María de Afonso X o Sabio ou no veciño desta contorna Frei Martín
Sarmiento.
Carlos Solla fixo un traballo de recollida e investigación que nos permite
hoxe mirar con outros ollos o que a simple vista puidera parecer unha poza ou
un penedo. Coñecer o significado que tivo para quen habitou e visitou este
espazo antes que nós, mais tamén desenterrar -cando menos coa mente- as persoas
que viñeron dar cos seus ósos nesta necrópole co fin de ser lembrados e vivir
eternamente no recordo da xente.
Un entorno natural -hoxe un parque eólico industrial- que a pesares da
intervención agresiva e deshumanizada presente non puido borrar o rastro dun
punto estratéxico na mirada secular dun pobo que usou de referencia para os
seus ritos de sociabilidade e transcendencia que máis que supoñer un consolo
particular para quen o practicaba, representou durante milenios o respecto a
natureza para legado das xeracións futuras, un respecto que semella temos
perdido e que quizais viaxes coma esta, coa compaña de guieiros tan sabios, nos
axude a recuperar nas xeracións futuras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.