28 may 2015

Correlingua 2015

O pasado luns 25 de maio o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO desprazouse á Estrada para participar no Correlingua; a actividade en prol da nosa lingua que xunta á rapazada dos centros da comarca Deza Tabeirós.


Esta é a crónica dos compañeiros de Telediver.




25 may 2015

Music-galeguízate: Ataque Escampe

Continuando coa recompilación de grupo da música galega, Pedro Álvarez achéganos nesta ocasión á banda Ataque Escampe.


E estes son un par de exemplos da súa música...



21 may 2015

Visita de Fina Casalderrey


Dentro das actividades da celebración das Letras Galegas, o pasado martes tivemos a inmensa honra de recibir no noso centro a Fina Casalderrey. A autora de obras de narrativa infantil e xuvenil como Dúas bágoas por Máquina, O misterio dos fillos da lúa ou A Pomba e o Degolado reuniuse na biblioteca co alumnado de 2º e 3º ESO e alí faloulle do seu traballo, de como empezou a escribir ou de onde lle viña a inspiración para desenvolver as súas obras.


Foron preto de dúas horas nas que os mozos e mozas do Chano Piñeiro tiveron a posibilidade de coñecer á persoa que escribiu algún dos seus libros máis recordados da súa infancia. Como nos comentou unha das alumnas que asistiu ao encontro: "levo agardando o día de hoxe desde que tiña oito anos. Fíxome moitísima ilusión". A nós tamén... grazas, Fina!



20 may 2015

Subtitulando clásicos: Creep

Nova entrega dos traballos de subtitulación que realizaron os alumnos de 4º ESO. David Pérez traduciu a letra da canción Creep de Radiohead:



18 may 2015

Concurso de Microrrelatos: Nin príncipes nin princesas



Desde a Biblioteca e o EDLG botamos a andar o I Concurso de Microrrelatos e Curtametraxes "Nin príncipes nin princesas". O certame, cuxa temática éa igualdade de xénero, vai dirixido a toda a comunidade educativa do Chano Piñeiro e a data límite de entrega dos traballos será o luns 1 de xuño.
Podedes consultar as bases na seguinte ligazón: BASES

17 may 2015

Letras 2015


Así, presumindo de lingua, saúdan este grupo de mozos e mozas de 2º ESO a chegada do día no que celebramos as nosas letras. O día no que rendemos homenaxe a aqueles autores que fixeron tanto pola nosa lingua e polo noso país. E, por toda esa xente, engalanamos os corredores no instituto coas súas imaxes....




Traballo realizado polo alumnado de 4º ESO

Durante os vindeiros días irémosvos contando outras actividades que temos preparadas co gallo desta celebración!

Por último, aquí vos deixamos este vídeo que nos achegan desde a Coordinadora Galega de ENDL no que nos lembran o importante que é presumir de galego e do galego non só en data sinaladas, senón durante todo o ano...

8 may 2015

Subtitulando clásicos: The show must go on

Seguimos con esta serie na que o alumnado de 4º ESO dedicouse a subtitular temas clásicos do rock e do pop internacional.
Nesta ocasión Martín Rozados achéganos o seu traballo coa canción de Queen "The Show Must Go On"


30 abr 2015

Tras dos pasos de Castelao e Concepción Arenal

Percorremos as rúas de Pontevedra e Ferrol da man de dúas personalidades que contribuíron a toma de conciencia de si mesmas das mulleres (Concepción Arenal) e dos galegos (Castelao).


         Da man de Castelao partimos do Museo de Pontevedra no que atopamos algúns dos seus cadros senlleiros e seguimos as súas pegadas polos lugares que el andou nos seus anos da capital do Lérez. Mesmo nos achegamos ao que fora aquel proxecto científico e económico que promoveron os galeguistas e amantes da nosa terra chamado Misión Biolóxica de Galicia.
O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato do IES Chano Piñeiro, tiveron ocasión de saber máis da historia das pedras que hoxe sosteñen a nosa mirada e que en tempos escoitaron os grandes proxectos que para mellorar e desenvolver o noso país tiveron os da xeración “Nós” e que mesmo, como no caso de Bóveda, pagaron coa súa vida a fidelidade ás súas ideas.


         O alumnado de 1º e 2º da ESO, dentro do proxecto Donas de si da Consellaría de Educación, visitaron o Ferrol de Concepción Arenal. Ademais de saber da historia desta cidade en feminino en xeral, profundamos especialmente nalgunhas das súas veciñas máis ilustres. Especialmente nos chamou a atención Aurora e a súa filla Hildegard Rodríguez Carballeira.

         Quizais podíamos facer unha conexión entre ambos os dous Rodríguez. Hildegard e Alfonso Daniel. Unha foi un proxecto de liberación da muller que se trasladou a Madrid para atopar máis eco nas elites do Estado, tentando desde o centro e desde arriba mudar o mundo. Outro, Castelao, ficou na Terra, para desde este recuncho transformar as cousas. Ambos os dous atoparon coa inxustiza e a incomprensión dos privilexiados e poderosos cos que -aínda que desde camiños distintos- acabaron topando.
        E as cidades, Pontevedra e Ferrol, reflicten tamén ambas as dúas dimensións destes Rodríguez. A primeira, a máis antiga grande cidade galega, coas características propias do país (axeitadas as abundantes choivas e do granito que tanto abunda), a outra, creada por decreto a partir da nada, cuadriculada e racionalista a imaxe e semellanza do Estado que a fundou. Quizais ambos espazos tiveron inflenza na personalidade dos escritores que fomos coñecer no seu ambiente. Castelao dicía que os galegos adentramos na nosa paisaxe e a nosa paisaxe adentra e nós. Non é raro atopar trazos do diferente contexto urbano na obra de Castelao e na de Hildegard. Os rapaces de Forcarei quizais logo de visitar estes lugares comprendan mellor o seu pensamento.


29 abr 2015

Teatro: O enfermo imaxinario

O pasado martes 21 de abril alumnado e profesorado do IES desprazouse a Cercedo para asistir á representación da adaptación que o grupo de teatro desta vila fixo da obra "O enfermo imaxinario.


E non vos era un grupo de teatro calquera: Lino, Lucía, Brais, Sara, Iago, Tania, Eider e Uxía. Todos eles alumn@s e ex-alumn@s do instituto que, baixo a dirección de Xosé Lueiro, fixéronnos pasar unha horiña do máis abradable. 
Parabéns para tod@s el@s!