25 nov 2014

Día Internacional contra Violencia de Xénero

Hoxe 25 de novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e da man da Biblioteca do IES quixemos sumarnos á loita contra  esta lacra da sociedade actual.

Así, a carón dunha exposición na que, a través de letras de cancións, propoñemos unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados co maltrato (podedes acceder a ela premendo na imaxe), aparecen estes carteis elaborados polo alumnado de Informática de 4º ESO:


Por último, deixámosvos este vídeo creado polos amigos de Trafegando Ronseis no que se advirte sobre unha nova forma de maltrato a través das novas tecnoloxías e que está a afectar cada vez máis ás adolescentes e xente nova.


18 nov 2014

De excursión científica...

O pasado xoves 13 de novembro o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato desprazouse a Santiago de Compostela para  facer unha dobre visita. Por unha banda, acudiron ao Museo de Historia Natural onde, entre sala e sala, mergulláronse nas ciencias naturais disfrutando da biodiversidade terrestre e mariña e da xeodiversidade.  Posteriormente, achegámonos á Galería Sargadelos para visitar a exposición Arte e Ciencia organizada por Igaciencia e na que lles explicaron a íntima relación existente ao longo dos séculos entre a arte e a matemática. Desde Juan Gris ata Picasso pasando por Escher, Vasarely ou pola arte matemática do século XXI baseada na impresión 3D.



En definitiva, unha saída didáctica do máis atractiva e que serviu de complemento ao vivido durante o Día da Ciencia en Galego!

12 nov 2014

Día da Ciencia en Galego (e III)

Aínda que queda algunha sorpresa máis por mostrarvos sobre o que fixemos co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galego (permanecede atentos nos vindeiros días...), velaquí tedes o vídeo resumo da actividade.  Disfrutádeo!




A música, un ano máis, corre a cargo dos amigos de NAO co seu tema Cartas no caderno. Desde aquí queremos agradecerlle a súa colaboración prestándonos os seus acordes!

5 nov 2014

Día da Ciencia en Galego (II)

Resulta moi gratificante comprobar como ano tras ano o noso Día da Ciencia afiánzase e vai collendo, se cabe, mellor cor. Cambiamos a ubicación da actividade ao salón de actos e resultou todo un acerto. Convidamos aos nenos e nenas do CEIP Nosa Señora das Dores a que se pasaran por alí e, só con verlles a cara de entusiasmo, interese e agradecemento, pagou a pena. Houbo novidades, si, pero sempre coa mesma esencia: achegar a ciencia ao noso alumnado e, como non, reivindicar o dereito a usar a nosa lingua no ámbito científico.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO 2014
Desde o dpto. de Bioloxía ensináronnos como facer desaparecer o plástico, faláronnos do pH e do efecto da chuvia áceda nas rochas carbonatadas e achegáronnos ao Proxecto Ríos; o dpto. de Música preparounos un concerto cos copas de cristal despois de explicarnos a relación entre as ondas e a música; o dpto. de Matemáticas descubriunos a maxia da banda de Moëbius, desde o dpto de Tecnoloxía puxeron a proba os nosos reflexos e mediron o noso tempo de rección ante estímulos sonoros e visuais cun sensor de infravermellos e, por último, o dpto. de Lengua Española falounos da presenza de Isaac Newton na literatura.

VISITA DOS NEN@S DO COLE
Nos vindeiros dias iremos publicando distintas cousas relacionadas con este día pero, polo de agora, deixámosvos algunha das imaxes da xornada.






Só nos queda darlle as grazas a todo o profesorado e alumnado que participou e se implicou na actividade. Para o ENDL é un orgullo contar coa vosa colaboración! 

2 nov 2014

Día da Ciencia en Galego 2014 (I)


Como temos por costume nos últimos anos, unímonos a esta convocatoria de IGACIENCIA. O vindeiro martes 4 de novembro, o EDLG será o encargado de coordinar esta actividade na que pretendemos achegar a ciencia ao noso alumnado usando a nosa lingua. 

O formato será o habitual destes anos (2011, 2012, 2013): unha serie de obradoiros temáticos desenvolvidos e impartidos polo propio alumnado que serán os encargados de explicar os contidos aos seus compañeiros e compañeiras. Como actividade multidisciplinar que é, son varios os departamentos didácticos implicados e aos que, desde aquí, queremos agradecer a súa colaboración. Os obradoiros deste ano serán:

  • Sensores e tempo de reacción (Dpto. de Tecnoloxía) 
  • Ondas estacionarias na música (Dpto. Música)
  • Isaac Nexton na literatura (Dpto. Lingua Española)
  • A maxia da banda de Moëbius (Dpto. de Matemáticas)
  • Química e bioloxía  (Dpto. Bioloxía) 

Por outra banda, elaboramos dous carteis homenaxeando á figura dos dous persoeiros aos que se lle rinde tributo este ano: o físico Isaac Newton e o matemático de Bermés, Xosé Rodríguez. Estes carteis serán colocados a carón dos dos diferentes científicos aos que se lle dedicou esta cita nos últimos anos e que, pouco a pouco, van formando o noso corredor da Ciencia. Estes carteis fixéronse en colaboración co ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda.

     





31 oct 2014

Noite de Samaín


Esta noite é noite de Samaín, a festividade celta na que se celebra o final da tempada da colleita e que marcaba o inicio do Aninovo Celta. Na seguinte presentación, elaborada pola Biblioteca en colaboración co ENDL, poderedes coñecer un pouco máis esta celebración así como a súa relación con outras festividades como a Noiteboa ou o San Martiño...

24 oct 2014

Día das Bibliotecas

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas Escolares e así nolo quixeron lembrar desde a nosa con estes paneis informativos.



Ademais, e tendo en conta que nesta ocasión este día tan especial está dedicado ao mundo das matemáticas, elaboraron, en colaboración coa biblioteca do IES Laxeiro de Lalín,  unha guía de lecturas matemáticas tridimensional en forma de cubo de nome Letras Cúbicas na que o Equipo de Normalización colaborou tanto no propio deseño como coa aportación dos poucos títulos que hai en galego deste tipo de lecturas. 


Letras Cúbicas:  Formato 3D



Letras Cúbicas: Formato Estándar

10 oct 2014

Ollos de Aula nº 16

Benvid@s ao curso 2014/2015!  Agárdannos moitos meses por diante para seguir aportando o noso graniño de area en prol de dinamizar a nosa lingua. E que mellor maneira para iniciar o novo curso co número 16 da revista Ollos de Aula que edita a Coordinadora Galega de ENDL.




25 jun 2014

E isto é todo!

Chegamos ao remate do curso 2013/2014 tras moitas horas de traballo e damos por pechado este capítulo. Agora toca tomarse un par de mesiños de descanso (que boa falta fan!), relaxar a mente, reinventarse e prepararse para volver con forza a partir de setembro.

E, como despedida, aquí vos deixamos o boletín dixital de Lingua de Montes onde se resume este curso do EDLG en imaxes e palabras. Unha publicación sinxela, humilde, pero que nace coa intención de ir mellorando ano a ano, paseniño, e coa esperanza de que vaia medrando coas vosas aportacións.



Boas e merecidas vacacións tod@s!