24 feb 2013

Día de Rosalía (II)

Hoxe 24 de febreiro é o Día de Rosalía e multitude de actos percorren a xeografía galega para honrar a súa figura. Mañán terá lugar no noso centro a nosa particular homenaxe e, para abrir boca, queremos ensinarvos  esta gravación na que rapaces e rapazas de 1º ESO recitan o poema "Airiños, airiños, aires" de Cantares Gallegos, obra da que, como ben sabedes, este ano se celebra o 150 aniversario da súa publicación.



21 feb 2013

Día de Rosalía


O 24 de Febreiro está recollido como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Educación e Cultura no seu calendario do Libro e da Lectura. Ao día seguinte, o luns 25 de febreiro, terá lugar no salón de actos do IES un evento no que a poesía, a imaxe, a música e a interpretación se fundirán para homenaxear a que é a meirande escritora en lingua galega.  Velaquí algúns dos seus poemas:

19 feb 2013

Lendas Castrexas

Onte recibimos a visita do escritor, investigador e profesor lalinense Xoán Carlos García Porral que lles ofreceu unha charla ao alumnado de 1º e 2º ESO sobre o patrimonio inmaterial das lendas. Tras a presentación que lle fixeron Natalia e Silvia (moitas grazas por colaborar), Xoán Carlos explicoulles aos rapaces e rapazas as diferenzas entre patrimonio material e inmaterial, as características dos castros e diferentes aspectos relacionados coas lendas castrexas. Ata lles falou de lendas da zona de Forcarei!!
                                                     













Se queredes saber máis, aquí tedes un artigo publicado no Faro de Vigo no ano 2010 coincidindo coa presentación do libro Lendas Castrexas escrito polo noso conferenciante.

17 feb 2013

Deporte... en galego!

Gústache o deporte? Eres dos que sempre lle botas unha ollada a algún xornal deportivo? Pois hoxe queremos facerche unha recomendación. Trátase da páxina web taboas.org, un novo portal deportivo onde poderás atopar toda a información referida ao deporte galego e, por suposto, na nosa lingua.

As últimas novas do Celta, do Depor, do Obra e de calquera outro clube deportivo do país poderalas atopar nesta páxina a golpe dun clic. Como di o slogan da web: Onde o deporte galego atopa o seu equilibrio.

Desde o ENDL do Chano Piñeiro querémoslle amosar os noso apoio e agradecemento aos administradores da páxina polo seu traballo!

11 feb 2013

Monólogos e baile... no Entroido!!

Xa vos anticipábamos hai uns días que desde o EDL estabamos a organizar un certame de monólogos e chistes dirixido a toda a comunidade Educativa e que se celebrou o pasado venres. Como xa sabemos que vos dá "moito corte" iso de falar en público, é de xustiza agradecer aos valentes a súa colaboración (foron poucos, pero agardamos que en vindeiras edicións haxa máis participación!).

Ademais, como complemento a esta actividade un grupo de alumn@s organizou un concurso parodiando un famoso programa televisivo no que o alumnado se meteu na pel de artistas como Alaska , Loreen, Antonio Molina ou Psy. Os nosos parabéns para eles polo rato tan agradable que nos fixeron pasar!

Velaí van as fotos do que vivimos! Agardamos que vos gusten...

7 feb 2013

Nace a Asociación de Medios en Galego

Nestos tempos nos que a presenza do galego nos medios de comunicación é cada ve menor, semella que a idea de unir forzas é unha gran solución. Hai uns días soubemos a nova do nacemento da Asociación de Medios en Galego, cuxos obxectivos principais son afortalar os medios en galego, consolidar un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuír á profesionalización do sector. A asociación, que está aberta a todos os medios editados en galego e cuxa orixe está na experiencia Vitaminas para o Galego, está integrada por Tempos Novos, Novas de Galicia, Galicia Confidencial, Que pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, De Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info, aínda que outros, como Sermos Galiza, xa amosaron a súa intención de integrarse na mesma.



Vía

30 ene 2013

Visita a Gallaecia Petrea

O pasado martes 29 de xaneiro o alumnado de 1º e 2º ESO acudiu á Cidade da Cultura en Santiago de Compostela para ver a exposición Gallaecia Petrea; un percorrido  pola presenza da pedra na cultura galega, desde as súas orixes ata a actualidade.
A actividade, organizada polo Departamento de Ciencias Sociais, resultou de gran interese para o alumnado.

23 ene 2013

I Certame de monólogos

Xa temos en marcha o I Certame de Monólogos do IES Chano Piñeiro que se celebrará o vindeiro 8 de febreiro, xunto antes do Entroido. Como sabemos que a moitos de vós iso de crear ou contar un monólogo vos dá un certo apuro ou, simplemente, amárghavos, decidimos abrir o certame a xente que queira contar contos, chistes ou anécdotas sen necesidade de ter un certo fío argumental (como acontece nos monólogos). O que pretendemos con esta actividade é, ademais de pasalo ben e botar unhas risas, divertirnos falando a nosa língua!

Poderá participar calquera membro da comunidade ecucativa do IES Chano Piñeiro xa sexa con textos orixinais inéditos ou non orixinais, pero sempre cumprindo tres requisitos:

  • A actuación non debe de ser inferior a 5 minutos
  • É obrigatorio coidar a linguaxe!
  • Terá que ser EN GALEGO!


Se queredes participar tan só deberedes poñervos en contacto con algún dos membros do ENDL! Animádevos!

11 ene 2013

Navega en galego! (2)

Voltamos das vacacións do Nadal cunha nova fase da nosa campaña de animación ao uso das novas tecnoloxías en galego. Se a principio de curso, insistiamos nas ventaxas de usar o navegador na língua do país (preme aquí para ver a información) agora é a quenda das redes sociais e, en particular, do Facebook. Xa podes atopar no taboleiro do ENDL as intrucións necesarias para configurar o teu facebook en galego. Uns sinxelos pasos para que todos os menús e avisos estean na túa lingua. Anímate!!