1 oct 2012

Un novo curso...

Ola a tod@s!

O ENDL do IES Chano Piñeiro quere darvos a benvida a este novo curso 2012/2013 agardando que teñades todas e todos un bo ano académico. Pola nosa banda, seguiremos a traballar en prol da defensa da nosa lingua.
E para comezar, traemos aquí (din que máis vale tarde ca nunca) o vídeo de animación á lectura presentado a finais do curso pasado e no que participou toda a comunidade educativa do Chano Piñeiro.
Porque cremos, ante todo, na lectura no noso idioma, na nosa lingua.

2 mar 2011

Singala e os enganos

Onte 1 de marzo visitounos Manuel Núñez Singala para falar co alumnado de 4º de ESO do seu enganoso libro Menú de enganos.

27 feb 2011

Sobre a novela negra na nosa literatura

Celebramos unha mesa redonda sobre a novela negra na Literatura Galega a cargo de Diego Ameixeiras e Miguel Anxo Fernández. Ambos falaron do por que do xénero, do estado deste na literatura universal e na galega en particular, dos seus autores predilectos, do ben e o mal, da relación co cine...



17 feb 2011

Veu Xabier Docampo

Chegou el e a aula iluminouse o centro co seu sorriso. Contra todo prognóstico temporal, Xabier Docampo veu a Forcarei.
Desde que comezou a falar, conquistounos: A súa vida non prolífica, os seus degoiros máis humanos... a necesidade da lectura. Con el viaxamos ao mundo dos contos e con el aprendemos o valor da literatura.





A nova no Faro de Vigo, onte.

16 feb 2011

Sobre os nenos soldado

Onte á tarde Ricardo Paz veu falarnos dos nenos soldado. O alumnado que asistiu foi 2º de ESO e mais 3º de Diversificación.
Aprendemos moito . Aprendemos, sobre todo, que temos moita sorte por termos nado aquí, e non en calquera outro lugar. Ricardo falounos das diferenzas sociais, das lecturas dirixidas, do xeito de ver o mundo sen comparar, sen preguntarnos por que. Ensinounos como hai xente que si sabe que as diferenzas non son xustas e que pretende eliminalas. Amosounos música e cine que loita por suprimir barreiras. Sentimos o sufrimento deses nenos que se ven inhabilitados para amar. Soubemos o por que das armas, do tráfico destas, dos intereses creados por un primeiro mundo ficticio que se sostén vendendo destrución.



2 feb 2011

De museos en Vigo

O 1 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO fomos a Vigo: ao Museo do Mar, ao Verbum para asistir á representación dunha obra de teatro e ao Marco para ver a exposición de Virxilio Vieitez, xa que era de Soutelo de Montes, veciño de gran parte do alumnado, que puido identificar nas fotografías xente e lugares coñecidos.
A obra de teatro foi magnífica:
Verbum Fahrenheit achega a historia dos homes libro presente na novela de Ray Bradbury Fahrenheit 451 escrita en 1953 e levada ao cine por François Truffaut en 1966.
Verbum Fahrenheit é a historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delito: ler. Ler nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios.
Lectores castrados nunha sociedade na que os libros son preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro. Neste lugar cada persoa esqueceu o seu nome e tomou o do libro que preserva e protexe na súa memoria. Xan agora é Longa Noite De Pedra de Celso Emilio e transmíteo de xeración en xeración agardando o día en que remate a represión e os libros poidan volver a imprimirse. Combina a narración, a música en directo e os monicreques para contar a historia dos homes libro.
Limiar Teatro
.





31 ene 2011

Celebramos o día da PAZ



En Forcarei tentamos falar de Paz. No teito, grúas de cores e tesoiras, metáfora da fraxilidade da Paz. Ademais, o alumnado de Tecnoloxía realizou un muro, símbolo de todos eses valados que aínda hai que derrubar no noso mundo. Por suposto, poemas, cine, imaxes... percorrían o centro, xunto coa palabra "paz" en supertamaño.
Aquí podedes ver as fotos:






Esta exposición complétase con estoutra: “Os nenos soldado: nenos na fronte de guerra” que pretende reflectir a situación de milleiros de nenos e nenas que en diferentes partes do mundo participan directa ou indirectamente en conflitos bélicos.




O venres xuntámonos todo o alumnado da ESO para realizar a actividade: unha lectura dun texto que mestura historia, poesía e música escenificada polo alumnado de 4º de ESO . Con cada novo poema o muro íase derrubando pouco a pouco. A música a cargo da nosa profe Isabel que fixo unha selección espléndida para acompañar.
Nós derrubamos o noso muro metafórico. Seremos quen de construír un mundo mellor?






Esta é unha proposta musical de Isabel para acompañar o texto:




E se non coñecedes o por que das grúas aínda aquí vai este vídeo:



Pero que difícil se antolla a realidade fóra do centro, verdade?:


Foto: Fred Dufour /AFP. Tomada de The Frame /The Sacramento Bee

29 nov 2010

Breogán Riveiro estivo connosco

Este pasado mércores día 24 o escritor Breogán Riveiro acompañou o alumnado de 1º de ESO, quen lera previamente o seu libro Tonecho de Rebordechao. Breogán falounos de moitas cousas, mesmo do seu nome e dos nomes que temos nas aulas. Coma sempre, simpático, aberto, ameno, fixo que esa hora pasase máis axiña que o desexado.
Grazas a Breogán e á editorial Galaxia pola compañía.


Fomos a Culturgal

Co alumnado de 3º de ESO estivemos o venres pola mañá en Culturgal: non podiamos faltar á festa da cultura galega! (E menos mal que fun ese día, porque hoxe coa neve os plans de volver trastocáronse). Aprendimos o que é a poesía visual da man de Branca Novoneyra, quen tamén recitou algúns dos seus poemas, e logo escoitamos o hip-hop de Fluzo que toleou ao alumnado alí presente. Un paseo pola feira, case en construción, axudounos a darnos unha idea de canto alí ía haber.