23 nov 2010

Feira do álbum ilustrado

Durante o mes de novembro, en colaboración co equipo da biblioteca, celebramos unha Feira do álbum ilustrado coa finalidade de dar a coñecer este tipo de libros ao alumnado. Contamos coa colaboración do colexio, especialmente de Vanessa, a quen lle damos as grazas dende aquí.
Unha das actividades máis importantes é que o alumnado de 3º de Diver foi contarlles contos aos nenos e nenas de 3 anos. Hai que repetilo!

Elaboramos finalmente esta guía para todo aquel que precise dun consello:


16 nov 2010

Riveiro Coello estivo connosco

Este luns día 15 de novembro estivo connosco Antón Riveiro Coello, quen tivo a xenerosidade e amabilidade de compartir connosco algunhas das horas docentes. Primeiro reuniuse co alumnado de 2º de ESO, quen previamente lera A voz do lago, e logo foi á aula de 4º de ESO para falar de A Quinta de Saler. Somos conscientes de que nos fixo un gran favor ao non dubidar en ningún momento en aceptar a nosa suxentión-invitación de vir a un centro pequeno con pouco alumnado para que este puidese coñecelo e, todo hai que dicilo, gozalo. Porque hai que engadir que o resultado foi excelente: o tempo non chegou a nada. Ademais, dous dos meus nenos de 3º de Diversificación estreáronse como presentadores... e non o fixeron nada mal!
Desde o noso recuncho, grazas, moitas grazas, Antón, pola túa xenerosidade.

5 nov 2010

4 de novembro, día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego












Loitando contra os efectos do Decreto, membros dos departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía do IES. "Chano Piñeiro" co apoio do ENDL, veñen de realizar actividades dentro da convocatoria do día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego.
O Departamento de Bioloxía preparou unha exposición de cunchas mariñas, onde se poden coñecer os seus nomes en galego.
O Departamento de Tecnoloxía participou da iniciativa promovida por Tecnoloxía.org e colaborou na recompilación de termos galegos relacionados coa Tecnoloxía dentro da actividade "Revoltallo de termos", facendo unha exposición mural con eles.
Podedes ver as fotos das actividades premendo na entrada do blog Trafegando Ronseis.

Benvida ó novo curso 2010-2011

Desde este blogue desexamos a todos un bo curso académico, a pesares de que os tempos para os ENDL non son os mellores, como tampouco se presentan para o Galego, cando desde a Consellería de Educación non apreciamos un apoio á nosa Língua.
Pola nosa banda, seguiremos programando actividades aínda que as dificultades "administrativas" son cada vez maiores.
Un saúdo.

2 oct 2010

Premio

A finais de maio presentamos o Proxecto 7+1 integrado polos blogues setemaisun e linguademontes aos V Premios da Fundación Impuls. Estes dous blogues estaban xestionados e realizados basicamente polo alumnado de PDC. En xullo, recibimos a noticia de que foran merecedores do II Premio Talita-Impuls, como boa experiencia docente de integración das TIC na aula para alumnos con Necesidades Educativas Especiais.
Daquela queremos deixar constancia do noso agradecemento a quen así o estimou. Para nós foi tamén un gran impulso e a confirmación de que traballabamos nunha liña que tamén outros pensaban axeitada.
E como coordinador, tan só compartilo con elas e con eles: con Alba, Dani B., Dani S., David, Guille, Iria, Iván, Jónatan, Lucía Leticia, Lucía, Marius, Ramón, Raquel e Santi. Grazas por aprendermos xuntos e por tantos sorrisos neste tres últimos anos. E tamén a Marta (compañeira do ámbito científico) e Adriana (orientadora), por compartir as mesmas ideas.
Así mesmo, gustaríame recoñecer o traballo de moitas blogueiras e blogueiros en lingua galega agrupados en normalizagaliza. Non poucas veces nos deron ideas para mellorar o noso traballo.
E por último sinalar que, aínda que circunstancias laborais me afastan temporalmente deste proxecto, estou seguro de que vai seguir incluso con máis forza e con novas ideas.

24 jun 2010

Sendeirismo ata o Observatorio de Forcarei



Aproveitando que era último día de curso e que estiveramos traballando todo o ano na Hora de ler ao redor do tema da astronomía, os de 1 e 2º ESO fomos no coche de San fernando ata o observatorio. Aquí tedes algunha imaxe do camiño dende o Chano Piñeiro. Paga a pena. Por certo, aproveitamos para invitarvos a coñecelo pois está moi ben. E tamén, felicitamos aos gañadores do concurso de Ideas Emprendedoras para a nosa comarca: M. Espigares e D. Rey.



Chove para que eu soñe: unha performance

Onte para rematar o curso visitounos Serafín Marcos Fernández. E trouxo ao noso IES uha proposta distinta pois tratábase dun espectáculo moi divertido e de gran plasticidade elaborado con versos de Uxío Novoneyra. Con eles intentaba amais tecer un percorrido biográfico ao redor do autor courelao. Deixámosvos unhas fotos.


El Puto Coke: Gal-EGO



O pasado luns 21 de xuño tivemos a oportunidade de escoitar no Instituto a un dos rapeiros con maior tradición nisto do hip-hop que hai en Galicia: El Puto Coke. Despois de moitos anos e varios discos, agora atrávese con temas en galego co cal dende este ENDL queremos darlle os nosos parabéns e que siga. Ademais de rapear tamén nos falou da historia do rap e de como nas orixes tiña unha filosofía reivindicativa que cada vez se vai perdendo máis en favor de certa superficialidade.
Mirade este vídeo. Orgullosos de sermos galegos.