24 jun. 2014

Visita a Celanova

O xoves día 19 de xuño o alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato achegáronse á fermosa vila de Celanova para realizar o Roteiro Curros Enríquez que coordina a fundación que leva o seu mesmo nome. Esta é a crónica da viaxe:

    A rota dou comezo na Vilanova dos Infantes (das Infantas segundo Ferrín e Celso Emilio). Lugar de nacemento do autor de Arraianos e espazo no que se desenvolve unha das lendas cantadas por Curros que deu coñecer a este autor: A virxe do CristalDon Adolfo Enríquez, o crego que custodia a devandita imaxe, con paciencia e amabilidade relatounos a súa historia e os misterios que a rodean. E cando xa nos íamos a casualidade levounos a descubrir outra xoia coa que non contábamos, un cristo crucificado do século XII. Quizais a obra máis valiosa da imaxinería románica galega.
    Xa en Celanova visitamos pola mañá o Mosteiro e a igrexa mozárabe. Tivemos ocasión de viaxar no tempo e sentármonos onde séculos antes oraban os monxes que mantiñan o monopolio da cultura letrada. Paseamos polo claustro, subimos ao coro e revivimos o mundo no que se desenvolveu a infancia de tres dos meirandes escritores da nosa literatura.
   Na casa de Curros soubemos da súa vida atafegada e comprometida, do seu pai autoritario e da súa vocación temperán. Recitamos os seus poemas e usamos dos recursos que a Fundación que leva o seu nome puxo ao noso dispor para profundar na súa obra. Logo na biblioteca do Mosteiro, lembramos o poema escrito por Celso Emilio cando foi preso nas súas estancias polo réxime franquisa triunfante e que tan ben deixara descrito na súa “Longa noite de pedra”.
    Ao fin, polo serán chegamos a Santa Comba de Bande, unha pequena igrexa construída durante segunda metade do Século VII no estilo arquitectónico visigodo vixente no sudoeste da Europa nesta época. Santa Comba de Bande é a única igrexa deste período que se conserva na súa integridade.

    A beira desta igrexa atópase Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, foi un campamento romano situado nos Baños de Bande e ocupado entre o último cuarto do século I e mediados do II. Remontámonos milenios para pisar as ruínas do que fora un enclave fundamental para gardar a Vía XVIII ou Vía Nova, que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta. O Centro de Interpretación que abriron expresamente para a nosa visita axudounos a entender mellor as xentes que habitaran aquel lugar e moitas das inquedanzas que posuían e que dalgún xeito se manteñen na actualidade a respecto daquela globalización romana na que a nosa Terra temos abundantes vestixios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario