30 abr 2015

Tras dos pasos de Castelao e Concepción Arenal

Percorremos as rúas de Pontevedra e Ferrol da man de dúas personalidades que contribuíron a toma de conciencia de si mesmas das mulleres (Concepción Arenal) e dos galegos (Castelao).


         Da man de Castelao partimos do Museo de Pontevedra no que atopamos algúns dos seus cadros senlleiros e seguimos as súas pegadas polos lugares que el andou nos seus anos da capital do Lérez. Mesmo nos achegamos ao que fora aquel proxecto científico e económico que promoveron os galeguistas e amantes da nosa terra chamado Misión Biolóxica de Galicia.
O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato do IES Chano Piñeiro, tiveron ocasión de saber máis da historia das pedras que hoxe sosteñen a nosa mirada e que en tempos escoitaron os grandes proxectos que para mellorar e desenvolver o noso país tiveron os da xeración “Nós” e que mesmo, como no caso de Bóveda, pagaron coa súa vida a fidelidade ás súas ideas.


         O alumnado de 1º e 2º da ESO, dentro do proxecto Donas de si da Consellaría de Educación, visitaron o Ferrol de Concepción Arenal. Ademais de saber da historia desta cidade en feminino en xeral, profundamos especialmente nalgunhas das súas veciñas máis ilustres. Especialmente nos chamou a atención Aurora e a súa filla Hildegard Rodríguez Carballeira.

         Quizais podíamos facer unha conexión entre ambos os dous Rodríguez. Hildegard e Alfonso Daniel. Unha foi un proxecto de liberación da muller que se trasladou a Madrid para atopar máis eco nas elites do Estado, tentando desde o centro e desde arriba mudar o mundo. Outro, Castelao, ficou na Terra, para desde este recuncho transformar as cousas. Ambos os dous atoparon coa inxustiza e a incomprensión dos privilexiados e poderosos cos que -aínda que desde camiños distintos- acabaron topando.
        E as cidades, Pontevedra e Ferrol, reflicten tamén ambas as dúas dimensións destes Rodríguez. A primeira, a máis antiga grande cidade galega, coas características propias do país (axeitadas as abundantes choivas e do granito que tanto abunda), a outra, creada por decreto a partir da nada, cuadriculada e racionalista a imaxe e semellanza do Estado que a fundou. Quizais ambos espazos tiveron inflenza na personalidade dos escritores que fomos coñecer no seu ambiente. Castelao dicía que os galegos adentramos na nosa paisaxe e a nosa paisaxe adentra e nós. Non é raro atopar trazos do diferente contexto urbano na obra de Castelao e na de Hildegard. Os rapaces de Forcarei quizais logo de visitar estes lugares comprendan mellor o seu pensamento.


29 abr 2015

Teatro: O enfermo imaxinario

O pasado martes 21 de abril alumnado e profesorado do IES desprazouse a Cercedo para asistir á representación da adaptación que o grupo de teatro desta vila fixo da obra "O enfermo imaxinario.


E non vos era un grupo de teatro calquera: Lino, Lucía, Brais, Sara, Iago, Tania, Eider e Uxía. Todos eles alumn@s e ex-alumn@s do instituto que, baixo a dirección de Xosé Lueiro, fixéronnos pasar unha horiña do máis abradable. 
Parabéns para tod@s el@s!

 


28 abr 2015

Subtitulando clásicos: In the Shadows

Este curso contamos coa colaboración dun grupiño de alumnos aos que lles pedimos que subtitularan na nosa lingua algunha das cancións máis coñecidas (e recoñecibles) da música rock internacional dos últimos anos. Bastaron unhas breves explicacións para que se puxeran man á obra!

Este é o traballo de Pedro Manuel Álvarez subtitulando a canción In the Shadows de The Rasmus


26 abr 2015

Music-galeguízate: Fuxan os Ventos

Tras as dúas entregas anteriores de música rock en galego, remontámonos 40 anos atrás para lembrarnos dun dos grupos folk máis sobranceiros da nosa música: Fuxan os Ventos. Este é o traballo que fixo Jonathan Rubia sobre esta formación...



E estas as súas recomendacións musicais...

 

23 abr 2015

Aldaolado: Moita poesía, pouca diversión

"Profe, se trouxerades sempre cousas destas, ben seguro que iamos estar sempre atentos"

Que mellor que estas palabras dunha alumna de de 4º ESO para decatarse do moito que disfrutaron esta mañá os mozos e mozas de 3ºESO, 4º ESO e 1º Bacharelato coa visita de María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) que viñeron a presentarnos o seu espectáculo poético-musical Moita poesía, pouca diversión. E houbo moita poesía, si, pero coa súa simpatía e bo facer conseguiron reverter o propio título do espectáculo e lograr que o sorriso non se borrase das faces da rapazada do Chano Piñeiro.

Deixámosvos aquí un dos momentazos do recitado, no que María recita o poema (?) que, entre todos, fomos quen de crear. Están feitos uns poetas estes de Forcarei!


.

21 abr 2015

Music-Galeguízate: MACHINA

Outra entrega desta serie que repasa os aritstas do noso país que fan música na nosa lingua. Neste caso, Pedro Álvarez achéganos o seu traballo sobre o grupo cercedense MACHINA:


E estas son a súas recomendacións musicais...