29 jun 2013

Punto final co .gal

Chegou a hora de despedirnos ata o vindeiro curso e que mellor forma que facelo que coa gran nova de que o pasado 14 de xuño a ICANN, organismo que goberna a Rede, vén de aprobar o dominio da lingua e cultura galega. Como sosteñen desde a Asociación puntoGAL, "as letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego"

Desde o ENDL queremos agradecerlle a súa colaboración ao longo deste curso a todo o alumnado e profesorado que fixo posible desenvolver todas e cada unha das actividades.
Mil grazas e...ata o curso que vén!!!

25 jun 2013

Roteiro Curros Enríquez

O pasado 11 de xuño o alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato desprazouse a Celanova para realizar un roteiro organizado pola Fundación Curros Enríquez. Na saída, programada polos departamentos de Lingua Galega e CCSS, combinouse o aspecto literario (Curros, Celso Emilio, Méndez Ferrín) co artístico (coa visita ao mosteiro de San Rosendo e a Castromao).

        

Aproveitouse moi ben o tempo. Acompañados por Paula, guía atenta e simpática onde as haxa, visitaron a casa de Curros Enríquez, onde alumnos fixeron lecturas de poemas e a guía explicoulles moitos aspectos interesantes da vida do poeta.
Despois tocou visita ao mosteiro: subida ao campanario, vistia á capela mozárabe e percorrido polos claustros e a igrexa. Xa pola tarde, visitaron a biblioteca do mosteiro que serve á súa vez de biblioteca do IES que alberga. Alí leron poemas de Celso Emilio para dar paso a unha visita pola vila; diante da Taberna do Galo  leron un texto do mesmo autor, onde se fai referencia a ese lugar.



E marcharon a Vilanova dos Infantes. En primeiro lugar, na casa do cura, puideron ver a imaxe da Virxe do Cristal, lenda que Curros recrea nun dos seus máis coñecidos poemas. Despois, entraron na torre da homenaxe. única parte que se conserva do castelo de Vilanova. Por último, entraron nunha misteriosa cova á que se accede polo Museo dos Zapateiros e da que non se sabe con certeza a finalidade. A última etapa da viaxe foi Castromao. Á parte do castro, puideron disfrutar das fermosas vistas do val de Celanova.


22 jun 2013

Día de Turismo Literario

O pasado venres 14 de xuño, parte dos membros do Club de Lectura viviron unha marabillosa experiencia literaria mentres disfrutaban dun día de turismo. Isto é o que a profe Isabel nos contou sobre a experiencia:

"Hai veces en que as cousas saen ben. Porque si,  porque as fadas, a sorte ou as casualidades así o deciden. Porque o círculo se pecha sen arestas e che queda un día redondo.
Explicacións? Non: tiña que ser ben… e foi!

Tras varios meses de choiva, o sol amenceu con ganas de presumir e nos alegrou todo o camiño. E como  ademais nós levábamos na mochila ganas, unha botella de auga e moita literatura interesante, emprendemos un camiño que nos levou a Pontevedra e ás Illas Cíes.  

Incrible, pero pateamos nunha mañá 2000 anos de historia da cidade a través dos versos da Ilíada, das Cantigas de Paio Gómez Charino, das Divinas Palabras de Valle Inclán; da narrativa en primeira persoa de Filomeno, a mi pesar, de Torrente Ballester e dos zombis vírico-pandémicos de Manel Loureiro.

Precisamente este autor sacou outro bolillo no encaixe da súa axitada vida para tecer con nós un aperitivo literario nunha das cafeterías históricas da vila. Durante hora e media, este encantador de persoas nos hipnotizou cos seus libros, as súas historias  e os seus azos para ser mellores persoas. Manel Loureiro despediuse de nos deixándonos a mochila repleta dunha sensación de “euforia – eu podo” difícil de describir: conseguiu que nos ilusionáramos ao saber que nós mesmos temos a chave de acceso á maxia das nosas vidas e que só depende de nós abrila; que nos sentíramos afortunados por ser intrépidos exploradores de historias cada vez que abrimos un libros; que valorásemos a sorte que temos porque somos quen de emocionarnos cun libro.
Pola tarde, Jules Verne esperábanos en Vigo, acompañado por Aronnax, Conseil, Ned Land e toda a tripulación do Nautilus. En realidade non foron 20.000 leguas baixo dos mares, pero si un bonito paseo en barco hasta as Illas Cies. E entón empezamos a ler, e as palabras pouco a pouco se transformaron en brétemas que –ao disiparse- nos amosaban fermosos tesouros de galeóns afundidos, dobróns de ouro soterrados no fondo de Rande, lingotes e xoias das Indias Orientais esparexidos nos sedimentos submariños…

Hai veces que as cousas saen ben. E o roteiro saíu realmente ben.
Así que, cando xa de noite, lemos a última páxina do venres 14 de xuño e lle apagamos por fin a luz ao día, o balance foi unha sensación de satisfacción. De optimismo. De quedar animicamente ben.

E entón pensamos nas acercadas palabras de Manel Loureiro: satisfacción, optimismo, benestar… Si, porque o Club de Lectura está formado por xente que lle abre a porta a todas estas sensacións.
Lóxico entón que teñamos por Obxectivo: A Lúa!"


Aquí podedes ver todas as fotos da viaxe:

20 jun 2013

Entrega de premios

Esta mañá tivemos un pequeno acto no que se deron entrega os premios dos diferentes concursos que ao longo dos últimos meses se foron desenvolvendo no instituto. Dito acto estivo amenizado polo alumnado de música que nos agasallou co seu talento e bo facer (parabéns á súa profe Isa!!).

En primeiro lugar, recoñecéronse os méritos dos participantes no VI Concurso de Proxectos Emprendedores organizado en colaboración coa   Asociación de Comerciantes e Empresarios de Forcarei (ACEF). Así, resultaron premiados os seguintes traballos:

1º Premio: "Losanva Sport Gym" de Andrea López e Carlos Penelas de 4º ESO
2º Premio: "Candal Paintball" de Jacobo Taín e Javier Barreiro de 4º ESO

Velaquí tedes aos gañadores posando sorrintes co seu agasallo:



 Respecto ao 2º Concurso de Fotografía Matemática resultaron gañadores:

1º Premio: "Fibonacci e a natureza" de Carolina Gulías (4º ESO)
2º Premio: "O teorema de Tales aplicado pechando a veigha" de Carlos Penelas (4º ESO)



Para rematar, no Concurso de Esopías os gañadores foron:

Premio en lingua galega: Pedro Manuel Álvarez Quintá (2º ESO)
Premio en lingua española: Cristina Gil Casado (1º ESO)




Moitas grazas a tod@s pola vosa participación e ata o curso que vén!!!

19 jun 2013

Abano literario

Se onte vos amosabamos o vídeo de recomendacións literarias entre o noso alumnado e o do instituto de Silleda, hoxe traemósvos o abano lector que realizamos para a ocasión e que será repartido entre a comunidade educativa durante esta semana. Como vedes, esta non é unha guía de lectura máis. Esta é unha guía de lectura para usar neses días de calor abafantes que todo o mundo agarda ansioso para marchar á praia, á piscina, ao río... e falar dunha calor que derrete. Xa vedes, nós preocupámonos non só da vosa saúde mental, senón tamén da física, polo que vos ofrecemos un só produto con dobre indicación. Que máis se pode pedir?




E este é o resultado...



Instrucións de pregado

Paso 1: Recortar o documento A3 ata ter unha elipse estrelada (é importante fixarse nas marcas que hai na cara interior do abano, na que están os libros)
Paso 2: Coa cara principal cara arriba, dobrar ao medio en val de forma que a portada quede oculta.
Paso 3: Abrir de novo e poñer a elipse cos libros cara arriba. Facer un dobre pregamento en val usando as  marcas que viñan no documento inicial. Por suposto, é moi importante marcar ben os pregamentos.
Doado, non?

18 jun 2013

Viaxe de ida e volta

Cando este curso sentamos a planificar, deseñar e cavilar novas -e vellas- actividades que fomenten o uso da nosa lingua, a consideración e a estima, démonos conta de que ata o momento tiñamos un oco, un baleiro que era necesario encher dalgún xeito: colaborarmos con outro centro máis ou menos próximo. E foi entón cando diriximos a nosa mirada a Silleda, un centro relativamente pequeno do rural que pode ter características máis ou menos semellantes a nós: un alumnado galego-falante na súa maioría que vai castelanizándose coas novas promocións. A este interese inicial sumouse a sempiterna preocupación polo fomento da lectura. 
Reunidos ambos equipos tivemos unha idea xenial: converter ao noso alumnado en amigo invisible virtual. E dunha idea xeral, global, fomos amañando e acoutando ata converter a inspiración en feitos: dez alumn@s de Silleda recomendan libros a dez alumn@s de Forcarei e viceversa.
Xa vedes como as lecturas tamén viaxan en tren de ida e volta!


14 jun 2013

2º Concurso de Fotografía Matemática (2)

Se antonte falabamos dos traballos presentados ao 1º  Concurso de Esopías, hoxe é a quenda das imaxes que participan no Concurso de Fotografía Matemática. Este certame, que cumpre a súa segunda edición está organizado polo Departamento de Matemáticas e conta, como non podía ser doutro xeito, coa nosa colaboración.
Aquí vos deixamos as fotografías presentadas a concurso. Cal é a vosa favorita?

12 jun 2013

I Concurso de Esopías (2)

Cando botamos a andar este novidoso concurso facíamolo espectantes, coa incertidume de saber se o alumnado se animaría a participar. E, a verdade, temos que dicir que, polo menos, espertou a curiosidade da rapazada que non paraba de preguntar que era iso das esopías.
O resultado final podédelo ver a continuación. Moitas grazas a tod@s, tanto aos que participaron como aos que, só por curiosidade, intentaron construír algunha.





Os gañadores saberanse proximamente. Estades atentos!

11 jun 2013

Por que andas con iso?

Iván Soto (1º ESO)
A finais da semana pasada recibiamos a notificación de que a un alumno de 1º ESO, Iván Soto Cardesín, concedéranlle o 3º Premio de Secundaria no XI Concurso de Contos Aspamite (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Teo) co seu relato "Por que andas con iso?". Desde aquí queremos darlle os nosos parabéns a Iván e deixarvos a súa obra para que a disfrutedes.

10 jun 2013

Telediver: Conversas con Raquel Queizás

Velaquí a entrevista que as profesionais de Telediver lle fixeron o pasado xoves á actriz Raquel Queizás tras a representación do seu espectáculo Caso Pechado.

9 jun 2013

Ollos de aula nº 8

Xa temos no noso poder o número 8 da revista da Coordinadora Galeda de ENDL "Ollosde Aula". O último número do curso deste marabillosa iniciativa.



7 jun 2013

Séchu Sende no Chano Piñeiro

Hoxe pola mañá tivemos o pracer de contar no noso centro coa visita do escritor Séchu Sende que lles veu falar aos rapaces e rapazas de 3º e 4º ESO da súa obra Made in Galiza. Dúas horas amenas e agradables nas que o autor falou da súa experiencia coa nosa lingua e dos prexuízos existentes cara ela dentro da mocidade do país; en definitiva, unha clase de sociolingüística do máis distendida. Se ata se atreveu cunha sesión de psicolingüística na que foi quen de facer adivinacións abraiantes...


Séchu, moitas grazas por achegarte ata as terras de Forcarei!

6 jun 2013

Caso Pechado...en Forcarei!


Cando alguén é quen de lograr que o alumnado que o está a escoitar nin se inmute cando soa o timbre de saír ao recreo, quere dicir que conectou co seu público. Isto é o que logrou Raquel Queizás esta mañá coa rapazada de 1º e 2º ESO do IES Chano Piñeiro co seu espectáculo Caso Pechado. Contos clásicos como "A pata de mono" de William Wylamrk Jabobs ou "Cordeiro asado" de Roald Dalh narrados dentro dunha boa ambientación case ás escuras que nos permitiron achegarnos dun xeito ameno  e participativo á literatura de misterio e terror.
Velaquí vos deixamos algunhas imaxes da contada non sen antes agradecerlle a Raquel a súa simpatía e bo facer!



E moi prontiño a entrevista que Susana e Andrea, as profesionais de Telediver, lle fixeron á nosa convidada!

3 jun 2013

Premio Leixaprén 2013



A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de outorgar o Premio Leixaprén 2013 ao triatleta Javier Gómez Noya. Fillo de emigrantes galegos en Suíza, criouse na cidade de Ferrol, onde reside, e adestra habitualmente no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Na actualidade é un dos triatletas máis importantes do panorama internacional con tres campionatos do Mundo e tres de Europa nesta disciplina deportiva, ademais da medalla de prata obtida na pasada Olimpíada de Londres. 

Javier, que ten manifestado publicamente a importancia do uso da lingua galega, foi galardonado por empregar a nosa lingua de forma habitual tanto nos medios de comunicación, como nas charlas e/ou manifestacións públicas. Parabéns para el!!!