16 abr 2020

Quedamos na casa..., lendo!

A editorial Xerais pon á nosa disposición catro libros para ler sen saír da casa. Un deles é para os máis pequenos, Feliz Feroz, o lobiño riquiño, dun autor que publica baixo o  pseudónimo de El Hematocrítico. O segundo, de Teresa González Costa, Fred Quincalla, o nómade do mar  é para lectores de máis de oito anos. Vaia tropa!, de Antón Cortizas é un libro de poemas. Para o público xuvenil,  Xerais ofrece o  libro IV da serie Dragal, A estirpe do dragón, de Elena Gallego.
Agradecémoslle esta  iniciativa que compartimos desde aquí a Edicións Xerais.


                                                   PREME no título para ler:


https://issuu.com/edicionsxeraisdegalicia/docs/feliz_feroz_o_lobo_riquinho_ok
                                     
                                                 Feliz Feroz, o lobo riquiño


                                    
                                              Fred Qincalla, o nómade do mar


                                       
                                                         Vaia tropa!


          
                                               Dragal IV. A estirpe do dragón











15 abr 2020

Querido avó, amada avoa: Para vós, sempre

Nestes tempos escuros, non queremos nin podemos esquecer as persoas maiores. Queremos dicirlles que estamos ao seu lado;  con angustia, pero tamén con esperanza. 

Ana María Fernández, escritora galega nacida en Palma de Mallorca, ten, no seu libro Amar e outros verbos, un fermoso poema dedicado á vellez.  

Recollemos aquí o videopoema, feito polo noso ex-alumno Sebastián, que aparece nunha das páxinas anteriores deste blog,en honra de todos eles  . 

                https://linguademontes.blogspot.com/2017/06/verso-verso.html


                                            Envellecer     
 
Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos.