30 abr 2013

Visita a Arqueocampo

O pasado mércores 24 de abril, as rapazas e rapaces de 1º ESO desprazáronse ao Pavillón nº 3 do Recinto Feiral da Fundación de Exposicións e Congresos de A Estrada co fin de achegarse ao mundo da arqueoloxía a través da actividade Arqueocampo. Guiados por Xesús López Borraxeiros e Nuria Vilalta, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as distintas fases da investigación arqueolóxica, desde a excavación ata o tratamento dos materiais e mostras atopadas; todo isto dentro duns habitáculos 4x4 nos que se reproducía un castro como os moitos que podemos atopar polo Concello.


A actividade, realizada en colaboración co Dpto. de CCSS, resultou ser un par de horiñas ben entretidas nas que os rapaces e rapazas deduciron e descubriron como podía ser a vida e costumes dos nosos antergos da Idade de Ferro.

29 abr 2013

Music-galeguízate: Cristina Pato

Andrea Paz, de 1º de Bacharelato, achéganos esta semana a súa suxestión musical: a gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato.


E, para que disfrutedes da súa música, aquí vos deixamos un par de pingas. A bailar toca!!



24 abr 2013

Así vemos a Rosalía

Desde hai uns días a escaleira principal do instituto está adornada con estas ilustracións nas que o alumnado de 1º e 3º da ESO ofrécenos a súa particular visión de Rosalía. Unha actividade máis que serve para festexar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e que foi coordinada polo Departamento de Plástica!


 




22 abr 2013

Quentando motores para o Correlingua


O vindeiro 8 de marzo o alumnado da ESO acudirá a Silleda para participar no Correlingua 2013. Xa andamos argallando cousiñas para que a voz dos rapaces e rapazas do Chano Piñeiro se fagan notar!!

Nesa cita lerase o seguinte manifesto escrito polos alumnos e alumnas de 4ª ESO do IES A Pinguela de Monforte, pero non quixeramos rematar este artigo sen felicitar aos nosos veciños do IES Pintor Colmeiro de Silleda polo seu segundo posto neste concurso co manifesto que podedes ler premendo aquí.


Manifesto Correlingua 20013

A miña lingua é segura,
O falar non ten cancelas
Unha casa  sempre  aberta
Que todos debemos protexer.
A miña lingua  é  miña nai
É honroso ter unha lingua
Fermosa, digna, que abre portas
Que non ten chaves, que nada pecha,
Ela mesma é a chave do mundo.
A miña fala é o máis importante,
Debo honrala cando a uso
Sentirme orgulloso de tela
Por ser o meu carné de identidade.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Do seu pasado glorioso no medievo
Debemos sentirnos en débeda
E propoñernos fortemente devolverlle
a importancia que nunca debeu perder.
Loitemos xuntos por fortalecela
Fagamos visíbel esa chave de ouro
Que nos abre todas as portas do mundo,
E ofreceremoslle un futuro digno.
Soñemos que somos os  dignos fillos
Da nai patria que todo nolo entregou,
Defendamos esta cultura e esta fala
Que coas súas bágoas protexeu
E en herdanza nos legou .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.
Sexamos herdeiros merecentes
Da fala de Rosalía, do pobo de Pondal
Do progreso de Curros, da poesía social
De Celso Emilio, dos contos de Ánxel Fole,
Da patria que amou o artista Castelao,
Da imaxinación prodixiosa de Cunqueiro,
Da nova narrativa galega, do  noso teatro,
E até do códice calixtino....
E doutros mil nomes máis da nosa literatura,
Pero non debemos quedar só aquí,
Os soños poden ser realidade.
Debemos saír das tristes tebras,
Das néboas para poder ver lucir o sol.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Propoñamos como bandeira
A defensa da nosa lingua
Poñamos a nosa alma en falala
Que o noso corazón sexa o galego,
Que o brillante azul do noso mar
Sexa o brillo da nosa lingua
Sexamos nós valerosos soldados
Que loitan con pacífica arma
Que leda sae dos  nosos beizos,
Non a deixaremos morrer,
Sempre estaremos á súa beira,
Mesmo coa propia vida gardaremos
A importante chave que  temos .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

17 abr 2013

Telediver: Conversas con Gendebeat

Recén saída do forno a entrevista que as profesionais de Telediver lle fixeron a Carlos Gende (Gendebeat) o pasado xoves tras impartir este o obradoiro de beatbox ao alumnado de 3º e 4º da ESO. Esperemos que a disfrutedes!

15 abr 2013

Music-Galeguízate: MeDoMeDá

Nesta ocasión é Santi Villaverde, de 2º Bacharelato, o que nos achega a súa suxestión musical en galego: o grupo compostelano MeDoMeDá.


E velaquí vos deixo dous dos seus temas: frescura, bo humor e doses de rock desenfadado!

11 abr 2013

Carlos Gende, beatboxer, no Chano Piñeiro

Como anunciabamos onte, hoxe visitounos o artista cercedense Carlos Gende (Gendebeat) para impartirlle ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e @s alumn@s de Música do Bacharelato un obradorio de beatbox. Ao longo de hora e media, Carlos explicounos as orixes e a historia deste 5º piar do hip hop amáis de ofrecernos unha pequena exhibición tanto de beatbox como da música que el fai. Até conseguiu levantar ao público dos seus asentos!! (non se moito insistir...)



Unha das grandes sorpresas da mañá foi cando Zeus, alumno de 2º de Bacharelato e membro do EDL do centro, demostrounos as súas habilidades co beatbox e incluso acompañou a Carlos mentres este rapeaba uns versos! (desculpade a calidade do vídeo pero coido que era interesante facer esta mención especial)


Desde o EDL queremos darlle as grazas a Carlos pola súa amabilidade e polo "bo rollo" que nos transmitiu. Ah! E proximamente poderemos ver a entrevista que lle fixeron as mozas de Telediver...permanecede atent@s!

10 abr 2013

Music-Galeguízate: Gendebeat

Aproveitando que mañá xoves 11 de abril estará no noso centro impartindo un obradoiro de beatbox, esta semana dedicamos esta sección ao beatboxer Carlos Gende, alias Gendebeat. Este cercedense, comprometido coa terra e coa língua, é un dos máximos expoñentes desta arte en Galicia e ten colaborado con diferentes bandas do país como DiosKeTeCrew, Machina ou Zënzar usando o seu instrumento vocal como acompañamento musical. Que mellor ca el mesmo para explicarnos en que consiste iso do beatbox:


Ademais do beat-box, Gendebeat inclúe no seu repertorio musical temas de reagge-ragga como o que aquí podemos escoitar...

... e é o creador do tema que resultou gañador na pasada edición do Cantalingua : "Tíralle da Lingua"





8 abr 2013

O álbum ilustrado de Cantares Gallegos

Hoxe traemos a este recuncho o marabilloso traballo realizado nas súas clases de Plástica polos rapaces e rapazas de 1º da ESO do IES Blanco Amor de Ourense. Parabéns!!



Vía Carta Xeométrica