8 dic 2013

A LOMCE resta máis galego


Velaquí tedes o tríptico que a Coordinadora Galega de ENDL vén de elaborar explicando como afectará a LOMCE á nosa lingua dentro do sistema educativo.

Se o preferides, tedes tamén a posibilidade de ler este documento no taboleiro do ENDL xunto con outras novas de interese referidas á nosa lingua.





2 dic 2013

Visita ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro


O pasado mércores 27 de novembro o alumnado de 1º ESO e de 1º de Bacharelato visitaron o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro para achegarse durante unhas horas á Idade de Bronce, nunha actividade organizada polos departamentos de CCSS e Filosofía.

Este é o resumo que Xoan Carlos, profesor de Filosofía, fixo da visita:

VISITA AO PARQUE ARQUEOLÓXICO DE CAMPO LAMEIRO
Unha longa viaxe no tempo, mais curta no espazo

Alumnado do IES Chano Piñeiro viaxaron ao concello limítrofe de Campo Lameiro para visitar o parque arqueolóxico no que se atopa un dos espazos da idade do bronce máis singulares de Galiza, e mesmo do mundo. A concentración de petroglifos e a súa calidade fan deste entorno un lugar ideal para estudar o xeito de vida e a mentalidade das poboacións que hai 5000 anos se asentaron na nosa comarca. Compre lembrar que quizais aquí fose un dos espazos habitados máis antigos de xeito continuado. Cando o ser humano se fixo sedentario, ou semisedentario, esta terra interior das rías baixas era ideal porque permitía a navegación a través do rio Lérez, e atopábase nunha zona fértil e rica nunha fauna, que a pesares do neolítico (“domesticación” de plantas e animais), non se deixou cazar en ningún momento. Seguramente algúns motivos dos petroglifos teñen que ver coa caza, mais tamén coa propiedade, coa territorialidade. Por iso é un momento híbrido moi interesante da historia da humanidade ao que a poucos quilómetros do noso centro podemos analizar e coñecer directamente nas laxes labradas ou indirectamente a través do Centro de interpretación e as guías que nos acompañaron.

Foi, xa que logo, unha xornada intensiva de estudo do noso pasado e tamén da natureza humana constante ao longo do tempo, isto é, a súa creatividade, os seus medos, os seus sonos, etc...

23 nov 2013

Fala galego!

Non podemos deixar de ensinarvos este vídeo realizado por Alberto Fariña, alumno do IES Pintor Colmeiro de Silleda.
Parabéns!


20 nov 2013

Telediver: Julio Verne e a Ciencia

Como non podería ser doutro xeito, neste curso volverá a asomarse Telediver polas pantallas cibernéticas do noso IES. Tras a marcha do instituto de Andrea, Dani, Katia, Stefi Susana (moitas grazas a eles polo seu bo facer e moita sorte no futuro!) nese curso colle o relevo o novo alumnado de 4º Diversificación que, tendo en conta a ilusión coa que colleron este reto, ben seguro que nos darán grandes momentos "televisivos".

O seu primeiro programa serve para mostrarvos un dos obradoiros que se desenvolveu co gallo do IV Día da Ciencia en Galego e que tivo lugar no IES o pasado 5 de novembro. Concretamente, falamos do obradorio no que se explicaba a relación entre a literatura e a ciencia a través da figura do escritor frances Julio Verne.

Alí estaban as cámaras de Telediver e esta é a reportaxe que nos prepararon.



8 nov 2013

IV Día da Ciencia en galego (e III)

Como o prometido é débeda,  aquí tedes o vídeo-resumo das actividades desenvolvidas no IES co gallo do Día da Ciencia en Galego 2013. Disfrutádeo!




Moitas grazas aos NAO por permitirnos usar a súa música neste vídeo!!

5 nov 2013

IV Día da Ciencia en Galego (II)

Esta mañá, como vén sendo habitual nos últimos anos, a ciencia tomou os corredores do IES Chano Piñeiro. Grazas á implicación e colaboración dos departamentos de Bioloxía, Matemáticas, Tecnoloxía, Lengua española, Inglés e Plástica, desde o ENDL puidemos coordinar e organizar unha nova xornada da Ciencia en Galego.
Por medio de cinco obradoiros que desenvolveron e guiaron os propios alumnos e alumnas (aos que lles queremos dar as máis efusivas grazas) todo o alumnado do Chano Piñeiro tivo a oportunidade de construír cúpulas xeodésicas, saber onde está agochado o CO2, experimentar coa resonancia, saber o que son as curvas de Lissajous, coñecer a relación entre Julio Verne e a ciencia ou descubrir os segredos das nosas pegadas dactilares. En definitiva, achegarse e disfrutar do mundo da ciencia.
Deixamosvos coas imaxes desta xornada!!

E para finalizar, e como aperitivo do vídeo que editaremos nos vindeiros días, un dos experimentos que máis chamou a atención dos realizados esta mañá. O efecto que fai o cambio de frecuencia do son sobre un timbal no que depositamos grans de sal. Maxia? Non. Ciencia. (En galego, por suposto!)


2 nov 2013

IV Día da Ciencia en Galego (I)

Un ano máis, xa temos preparadas as diferentes actividades que desenvolveremos co gallo do IV Día da Ciencia en Galego.  Este ano, dedicado á Estatística e á Arte e a Ciencia, ríndeselle homenaxe ás figuras de Isaac Díaz Pardo, Richard Buckminster Fuller e Florence Nightingale. Para que quede a pegada no noso centro desta homenaxe, presentaremos dous carteis conmemorativos nos que falamos da vida e obra destes persoeiros

Ademais, na mañá do martes día 5 levaranse a cabo cinco obradoiros nos que os propios alumnos e alumnas exercerán de monitores e lles explicarán aos seus compañeiros diferentes aspectos relacionados coa ciencia.

  • A Xeometría do Son. A Arte da Resonancia (Dpto. Tecnoloxía) 
  • Construíndo Cupulas Xeodésicas (Dpto. Matemáticas)
  • A pegada Dactilar (Dpto. Bioloxía)
  • Onde vai o CO2? (Dpto. Bioloxía)
  • Verne e os seus inventos (Dpto. Lengua Española)
Ademais, e grazas ao Dpto. de Plástica, poderemos achegarnos á relación entre a arte e a ciencia, a súa presenza na natureza e á maxia do movemento.

Agardamos que todo este programa sexa do voso agrado!


31 oct 2013

Smoke City

Onte, o alumnado da ESO acudiu ao Auditorio de Soutelo de Montes para asistir á representación de Smoke City, da compañía Malasombra Teatro.

A obra, que aborda a problemática do tabaquismo poñendo especial énfase nas consecuencias que causa a curto prazo sobre os consumidores, resultou de interese para o noso alumnado e agardamos que lles sirva para reflexionar sobre esta adición.

Esta actividade estivo financiada polo Concello de Forcarei.

11 oct 2013

O noso concello, o noso mundo, o noso futuro

Como un pequeno aperitivo dentro do mes da Ciencia, onte o alumnado de 1º e 2º ESO acudiu ao Concello para visitar a exposición itinerante O Noso Mundo, O Noso Futuro, A Nosa Opción. Esta mostra pretende dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias non só a nivel global senón tamén en Galicia. Velaquí tedes a imaxes da visita:

10 oct 2013

Día da Ciencia en Galego 2013


Recibimos xa o cartaz do Día da Ciencia en Galego 2013 que este ano está dedicado á Arte e Ciencia (nas figuras de Bucky Fuller e Isaac Díaz Pardo) e á Estatística (Florence Nightingale). 



Como aperitivo ás diversas actividades que iremos desenvolvendo e que terá o seu punto culme cos nosos obradoiros que tanto éxito tiveron nos últimos anos, facémosvos a proposta de participar no concurso de relatos Ciencia que Conta  que organiza o Grupo Divulgatia da Universidade de Vigo. Este concurso, cuxo obxectivo é contribuír a concienciar á sociedade galega sobre a importancia da ciencia no desenvolvemento económico e benestar social de Galiza. Tedes as bases no noso taboleiro ou, se o preferides, podedes descargalas aquí

1 oct 2013

Negra sombra

Mentres andamos argallando as actividades que desenvolveremos ao longo do curso e tendo en conta que aínda estamos a celebrar o 150 Aniversario da publicación de Cantares Gallegos, deixámosvos esta marabillosa versión da cantante palestina Najla Shami do Negra Sombra. Sensibilidade que emana por cada poro da pel.

25 sept 2013

Benvid@s ao curso 2013/2014!

Un ano máis xa estamos aquí os do ENDL do Chano Piñeiro dispostos a traballar en prol da nosa lingua e agardando a vosa colaboración como vén sendo habitual desde hai moito tempo.

Como punto de partida, podedes ler no noso taboleiro distintas novas acontecidas ao longo do verán relacionadas coa lingua e a cultura galega (unhas máis agradables que outras...) e tedes á vosa disposición o primeiro número de Oink, a revista do Xabarín Club; un bo reclamo para nostálxicos seguidores do porco bravo!

Prepárense que...despegamos!!!

29 jun 2013

Punto final co .gal

Chegou a hora de despedirnos ata o vindeiro curso e que mellor forma que facelo que coa gran nova de que o pasado 14 de xuño a ICANN, organismo que goberna a Rede, vén de aprobar o dominio da lingua e cultura galega. Como sosteñen desde a Asociación puntoGAL, "as letras .gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego"

Desde o ENDL queremos agradecerlle a súa colaboración ao longo deste curso a todo o alumnado e profesorado que fixo posible desenvolver todas e cada unha das actividades.
Mil grazas e...ata o curso que vén!!!

25 jun 2013

Roteiro Curros Enríquez

O pasado 11 de xuño o alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato desprazouse a Celanova para realizar un roteiro organizado pola Fundación Curros Enríquez. Na saída, programada polos departamentos de Lingua Galega e CCSS, combinouse o aspecto literario (Curros, Celso Emilio, Méndez Ferrín) co artístico (coa visita ao mosteiro de San Rosendo e a Castromao).

        

Aproveitouse moi ben o tempo. Acompañados por Paula, guía atenta e simpática onde as haxa, visitaron a casa de Curros Enríquez, onde alumnos fixeron lecturas de poemas e a guía explicoulles moitos aspectos interesantes da vida do poeta.
Despois tocou visita ao mosteiro: subida ao campanario, vistia á capela mozárabe e percorrido polos claustros e a igrexa. Xa pola tarde, visitaron a biblioteca do mosteiro que serve á súa vez de biblioteca do IES que alberga. Alí leron poemas de Celso Emilio para dar paso a unha visita pola vila; diante da Taberna do Galo  leron un texto do mesmo autor, onde se fai referencia a ese lugar.



E marcharon a Vilanova dos Infantes. En primeiro lugar, na casa do cura, puideron ver a imaxe da Virxe do Cristal, lenda que Curros recrea nun dos seus máis coñecidos poemas. Despois, entraron na torre da homenaxe. única parte que se conserva do castelo de Vilanova. Por último, entraron nunha misteriosa cova á que se accede polo Museo dos Zapateiros e da que non se sabe con certeza a finalidade. A última etapa da viaxe foi Castromao. Á parte do castro, puideron disfrutar das fermosas vistas do val de Celanova.


22 jun 2013

Día de Turismo Literario

O pasado venres 14 de xuño, parte dos membros do Club de Lectura viviron unha marabillosa experiencia literaria mentres disfrutaban dun día de turismo. Isto é o que a profe Isabel nos contou sobre a experiencia:

"Hai veces en que as cousas saen ben. Porque si,  porque as fadas, a sorte ou as casualidades así o deciden. Porque o círculo se pecha sen arestas e che queda un día redondo.
Explicacións? Non: tiña que ser ben… e foi!

Tras varios meses de choiva, o sol amenceu con ganas de presumir e nos alegrou todo o camiño. E como  ademais nós levábamos na mochila ganas, unha botella de auga e moita literatura interesante, emprendemos un camiño que nos levou a Pontevedra e ás Illas Cíes.  

Incrible, pero pateamos nunha mañá 2000 anos de historia da cidade a través dos versos da Ilíada, das Cantigas de Paio Gómez Charino, das Divinas Palabras de Valle Inclán; da narrativa en primeira persoa de Filomeno, a mi pesar, de Torrente Ballester e dos zombis vírico-pandémicos de Manel Loureiro.

Precisamente este autor sacou outro bolillo no encaixe da súa axitada vida para tecer con nós un aperitivo literario nunha das cafeterías históricas da vila. Durante hora e media, este encantador de persoas nos hipnotizou cos seus libros, as súas historias  e os seus azos para ser mellores persoas. Manel Loureiro despediuse de nos deixándonos a mochila repleta dunha sensación de “euforia – eu podo” difícil de describir: conseguiu que nos ilusionáramos ao saber que nós mesmos temos a chave de acceso á maxia das nosas vidas e que só depende de nós abrila; que nos sentíramos afortunados por ser intrépidos exploradores de historias cada vez que abrimos un libros; que valorásemos a sorte que temos porque somos quen de emocionarnos cun libro.
Pola tarde, Jules Verne esperábanos en Vigo, acompañado por Aronnax, Conseil, Ned Land e toda a tripulación do Nautilus. En realidade non foron 20.000 leguas baixo dos mares, pero si un bonito paseo en barco hasta as Illas Cies. E entón empezamos a ler, e as palabras pouco a pouco se transformaron en brétemas que –ao disiparse- nos amosaban fermosos tesouros de galeóns afundidos, dobróns de ouro soterrados no fondo de Rande, lingotes e xoias das Indias Orientais esparexidos nos sedimentos submariños…

Hai veces que as cousas saen ben. E o roteiro saíu realmente ben.
Así que, cando xa de noite, lemos a última páxina do venres 14 de xuño e lle apagamos por fin a luz ao día, o balance foi unha sensación de satisfacción. De optimismo. De quedar animicamente ben.

E entón pensamos nas acercadas palabras de Manel Loureiro: satisfacción, optimismo, benestar… Si, porque o Club de Lectura está formado por xente que lle abre a porta a todas estas sensacións.
Lóxico entón que teñamos por Obxectivo: A Lúa!"


Aquí podedes ver todas as fotos da viaxe:

20 jun 2013

Entrega de premios

Esta mañá tivemos un pequeno acto no que se deron entrega os premios dos diferentes concursos que ao longo dos últimos meses se foron desenvolvendo no instituto. Dito acto estivo amenizado polo alumnado de música que nos agasallou co seu talento e bo facer (parabéns á súa profe Isa!!).

En primeiro lugar, recoñecéronse os méritos dos participantes no VI Concurso de Proxectos Emprendedores organizado en colaboración coa   Asociación de Comerciantes e Empresarios de Forcarei (ACEF). Así, resultaron premiados os seguintes traballos:

1º Premio: "Losanva Sport Gym" de Andrea López e Carlos Penelas de 4º ESO
2º Premio: "Candal Paintball" de Jacobo Taín e Javier Barreiro de 4º ESO

Velaquí tedes aos gañadores posando sorrintes co seu agasallo:



 Respecto ao 2º Concurso de Fotografía Matemática resultaron gañadores:

1º Premio: "Fibonacci e a natureza" de Carolina Gulías (4º ESO)
2º Premio: "O teorema de Tales aplicado pechando a veigha" de Carlos Penelas (4º ESO)



Para rematar, no Concurso de Esopías os gañadores foron:

Premio en lingua galega: Pedro Manuel Álvarez Quintá (2º ESO)
Premio en lingua española: Cristina Gil Casado (1º ESO)




Moitas grazas a tod@s pola vosa participación e ata o curso que vén!!!

19 jun 2013

Abano literario

Se onte vos amosabamos o vídeo de recomendacións literarias entre o noso alumnado e o do instituto de Silleda, hoxe traemósvos o abano lector que realizamos para a ocasión e que será repartido entre a comunidade educativa durante esta semana. Como vedes, esta non é unha guía de lectura máis. Esta é unha guía de lectura para usar neses días de calor abafantes que todo o mundo agarda ansioso para marchar á praia, á piscina, ao río... e falar dunha calor que derrete. Xa vedes, nós preocupámonos non só da vosa saúde mental, senón tamén da física, polo que vos ofrecemos un só produto con dobre indicación. Que máis se pode pedir?




E este é o resultado...



Instrucións de pregado

Paso 1: Recortar o documento A3 ata ter unha elipse estrelada (é importante fixarse nas marcas que hai na cara interior do abano, na que están os libros)
Paso 2: Coa cara principal cara arriba, dobrar ao medio en val de forma que a portada quede oculta.
Paso 3: Abrir de novo e poñer a elipse cos libros cara arriba. Facer un dobre pregamento en val usando as  marcas que viñan no documento inicial. Por suposto, é moi importante marcar ben os pregamentos.
Doado, non?

18 jun 2013

Viaxe de ida e volta

Cando este curso sentamos a planificar, deseñar e cavilar novas -e vellas- actividades que fomenten o uso da nosa lingua, a consideración e a estima, démonos conta de que ata o momento tiñamos un oco, un baleiro que era necesario encher dalgún xeito: colaborarmos con outro centro máis ou menos próximo. E foi entón cando diriximos a nosa mirada a Silleda, un centro relativamente pequeno do rural que pode ter características máis ou menos semellantes a nós: un alumnado galego-falante na súa maioría que vai castelanizándose coas novas promocións. A este interese inicial sumouse a sempiterna preocupación polo fomento da lectura. 
Reunidos ambos equipos tivemos unha idea xenial: converter ao noso alumnado en amigo invisible virtual. E dunha idea xeral, global, fomos amañando e acoutando ata converter a inspiración en feitos: dez alumn@s de Silleda recomendan libros a dez alumn@s de Forcarei e viceversa.
Xa vedes como as lecturas tamén viaxan en tren de ida e volta!


14 jun 2013

2º Concurso de Fotografía Matemática (2)

Se antonte falabamos dos traballos presentados ao 1º  Concurso de Esopías, hoxe é a quenda das imaxes que participan no Concurso de Fotografía Matemática. Este certame, que cumpre a súa segunda edición está organizado polo Departamento de Matemáticas e conta, como non podía ser doutro xeito, coa nosa colaboración.
Aquí vos deixamos as fotografías presentadas a concurso. Cal é a vosa favorita?

12 jun 2013

I Concurso de Esopías (2)

Cando botamos a andar este novidoso concurso facíamolo espectantes, coa incertidume de saber se o alumnado se animaría a participar. E, a verdade, temos que dicir que, polo menos, espertou a curiosidade da rapazada que non paraba de preguntar que era iso das esopías.
O resultado final podédelo ver a continuación. Moitas grazas a tod@s, tanto aos que participaron como aos que, só por curiosidade, intentaron construír algunha.





Os gañadores saberanse proximamente. Estades atentos!

11 jun 2013

Por que andas con iso?

Iván Soto (1º ESO)
A finais da semana pasada recibiamos a notificación de que a un alumno de 1º ESO, Iván Soto Cardesín, concedéranlle o 3º Premio de Secundaria no XI Concurso de Contos Aspamite (Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Teo) co seu relato "Por que andas con iso?". Desde aquí queremos darlle os nosos parabéns a Iván e deixarvos a súa obra para que a disfrutedes.

10 jun 2013

Telediver: Conversas con Raquel Queizás

Velaquí a entrevista que as profesionais de Telediver lle fixeron o pasado xoves á actriz Raquel Queizás tras a representación do seu espectáculo Caso Pechado.

9 jun 2013

Ollos de aula nº 8

Xa temos no noso poder o número 8 da revista da Coordinadora Galeda de ENDL "Ollosde Aula". O último número do curso deste marabillosa iniciativa.



7 jun 2013

Séchu Sende no Chano Piñeiro

Hoxe pola mañá tivemos o pracer de contar no noso centro coa visita do escritor Séchu Sende que lles veu falar aos rapaces e rapazas de 3º e 4º ESO da súa obra Made in Galiza. Dúas horas amenas e agradables nas que o autor falou da súa experiencia coa nosa lingua e dos prexuízos existentes cara ela dentro da mocidade do país; en definitiva, unha clase de sociolingüística do máis distendida. Se ata se atreveu cunha sesión de psicolingüística na que foi quen de facer adivinacións abraiantes...


Séchu, moitas grazas por achegarte ata as terras de Forcarei!

6 jun 2013

Caso Pechado...en Forcarei!


Cando alguén é quen de lograr que o alumnado que o está a escoitar nin se inmute cando soa o timbre de saír ao recreo, quere dicir que conectou co seu público. Isto é o que logrou Raquel Queizás esta mañá coa rapazada de 1º e 2º ESO do IES Chano Piñeiro co seu espectáculo Caso Pechado. Contos clásicos como "A pata de mono" de William Wylamrk Jabobs ou "Cordeiro asado" de Roald Dalh narrados dentro dunha boa ambientación case ás escuras que nos permitiron achegarnos dun xeito ameno  e participativo á literatura de misterio e terror.
Velaquí vos deixamos algunhas imaxes da contada non sen antes agradecerlle a Raquel a súa simpatía e bo facer!



E moi prontiño a entrevista que Susana e Andrea, as profesionais de Telediver, lle fixeron á nosa convidada!

3 jun 2013

Premio Leixaprén 2013



A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística vén de outorgar o Premio Leixaprén 2013 ao triatleta Javier Gómez Noya. Fillo de emigrantes galegos en Suíza, criouse na cidade de Ferrol, onde reside, e adestra habitualmente no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Na actualidade é un dos triatletas máis importantes do panorama internacional con tres campionatos do Mundo e tres de Europa nesta disciplina deportiva, ademais da medalla de prata obtida na pasada Olimpíada de Londres. 

Javier, que ten manifestado publicamente a importancia do uso da lingua galega, foi galardonado por empregar a nosa lingua de forma habitual tanto nos medios de comunicación, como nas charlas e/ou manifestacións públicas. Parabéns para el!!!


28 may 2013

Telediver no Correlingua 2013

Cuns cantos días de retraso chega a reportaxe que gravaron os profesionais de Telediver no Correlingua 2013 que tivo lugar polas rúas de Silleda o pasado 8 de maio.
Sentimos non ter podido ofrecérvolo antes...


27 may 2013

Visita a Lugo

O pasado martes 21 de maio o alumnado de 1º e 2º ESO visitou o Museo Provincial de Lugo (ademais doutros lugares de interese dentro da cidade lucense como a visita obrigada á Muralla) para desenvolver unha actividade didáctica que xira en torno ao libro Contos do Museo. Dita obra consta de catro relatos (escritos por Xabier P. Docampo, Paco Martín, Xosé Miranda e Agustín Fdez. Paz) que se ambientan nas distintas salas do Museo e serve de fío condutor da actividade.

Velaquí vos deixamos unhas imaxes do que alí pasou e que tan bo sabor de boca deixou entre a rapazada do Chano Piñeiro.

23 may 2013

2º Concurso de Fotografía Matemática

Seguindo cos concursos, presentamos hoxe o 2º Concurso de Fotografía Matemática do IES Chano Piñeiro. Organizado polo Dpto. de Matemáticas, o concurso baséase na realización de fotografías que reflictan, dun xeito ou outro, algún tipo de concepto matemático. Dita imaxe deberá ir acompañada por un título EN GALEGO que nos permita interpretar (ou reinterpretar) mellor a imaxe.  Aquí podedes ver as bases.

O prazo de entrega tanto das fotografías como das esopías (ver), remata o vindeiro 7 de Xuño.
Animádevos a participar!!

22 may 2013

1º Concurso de Esopías

En colaboración cos Departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá e Matemáticas convócase o 1º Concurso de Esopías do IES Chano Piñeiro.

Pero, que vén sendo iso exactamente? Pois unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas do número p. O nome débese a unha permutación das letras de poesía e á conxugación entre o nome do fabulista grego Esopo e o propio número p.
Aquí debaixo vos deixamos a guía por se queredes ir practicando. Para consultar as bases, tan só terás que premer aquí.

Ah! E se queredes deixarnos algunha nun comentario (iso si, fóra de concurso) non vos cortedes!!

20 may 2013

Music-Galeguízate: Mercedes Peón

Uxía Gamallo, alumna de 1º de Bacharelato, achéganos este traballo sobre unha das artistas máis polifacéticas do país: Mercedes Peón.


E velaquí unha mostra do seu talento:

17 may 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (III)


No Día das Letras Galegas que este ano, como ben sabedes, se decida a Roberto Vidal Bolaño, queremos achegarvos algún dos múltiples materiais que circulan pola rede en homexaxe ao dramaturgo compostelán. Parte destes materiais xa puidéstedes disfrutalos onte na proxección pública que tivo lugar na Aula de alumnos, pero nunca está de máis botarlle outra ollada.

Para comezar e, ao mesmo tempo, saber máis do autor homenaxeado deixamos esta presentación realizada polo ENDL do IES Felix Muriel de Rianxo...



...e esta liña temporal do IES San Paio de Tui.


Lembrades o marabilloso telexornal realizado polo alumnado do CPI dos Dices de Rois? Neste segundo capítulo, podedes ver un documental sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño.

14 may 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (II)

Achegamos hoxe a este pequeno recuncho cibernético este traballo realizado por Paco Nogueiras Nodar no que se rinde homenaxe a RVB. Disfrutádeo!

13 may 2013

Letras 2013: Roberto Vidal Bolaño (I)


Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950–2002) é unha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, no número 50 da revista A Trabe de Ouro publicouse o texto do seu monólogo Sen ir máis lonxe, que Méndez Ferrín cualificou como o seu testamento dramático.
É indiscutible a importancia da figura de RVB para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo, Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade. 
A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. RVB non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.  

Ligazóns de Interese para saber máis sobre o autor homenaxeado:




10 may 2013

Correlingua 2013

O pasado mércores día 8 a rapazada da ESO do IES Chano Piñeiro desprazouse a Silleda para participar no Correlingua; a cita anual na que os nenos e mozos do país reivindican a nosa lingua. Foi unha xornada un tanto desdibuxada polo aspecto meteorolóxico xa que obrigou á organización a trasladar o acto ao Recinto Feiral da Semana Verde co conseguinte problema de acústica que fixo que, por momentos, gran parte dos asistentes nos puidesen enterarse do que ocorría no escenario.

Porén, todas estas dificultades non impediron que puidésemos facer o percorrido a pé entre música, gaiteiros e troula. Velaquí vos deixamos as imaxes do noso paso pola festa!


E proximamente... a reportaxe d@s profesionais de Telediver!!

30 abr 2013

Visita a Arqueocampo

O pasado mércores 24 de abril, as rapazas e rapaces de 1º ESO desprazáronse ao Pavillón nº 3 do Recinto Feiral da Fundación de Exposicións e Congresos de A Estrada co fin de achegarse ao mundo da arqueoloxía a través da actividade Arqueocampo. Guiados por Xesús López Borraxeiros e Nuria Vilalta, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as distintas fases da investigación arqueolóxica, desde a excavación ata o tratamento dos materiais e mostras atopadas; todo isto dentro duns habitáculos 4x4 nos que se reproducía un castro como os moitos que podemos atopar polo Concello.


A actividade, realizada en colaboración co Dpto. de CCSS, resultou ser un par de horiñas ben entretidas nas que os rapaces e rapazas deduciron e descubriron como podía ser a vida e costumes dos nosos antergos da Idade de Ferro.

29 abr 2013

Music-galeguízate: Cristina Pato

Andrea Paz, de 1º de Bacharelato, achéganos esta semana a súa suxestión musical: a gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato.


E, para que disfrutedes da súa música, aquí vos deixamos un par de pingas. A bailar toca!!



24 abr 2013

Así vemos a Rosalía

Desde hai uns días a escaleira principal do instituto está adornada con estas ilustracións nas que o alumnado de 1º e 3º da ESO ofrécenos a súa particular visión de Rosalía. Unha actividade máis que serve para festexar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e que foi coordinada polo Departamento de Plástica!


 




22 abr 2013

Quentando motores para o Correlingua


O vindeiro 8 de marzo o alumnado da ESO acudirá a Silleda para participar no Correlingua 2013. Xa andamos argallando cousiñas para que a voz dos rapaces e rapazas do Chano Piñeiro se fagan notar!!

Nesa cita lerase o seguinte manifesto escrito polos alumnos e alumnas de 4ª ESO do IES A Pinguela de Monforte, pero non quixeramos rematar este artigo sen felicitar aos nosos veciños do IES Pintor Colmeiro de Silleda polo seu segundo posto neste concurso co manifesto que podedes ler premendo aquí.


Manifesto Correlingua 20013

A miña lingua é segura,
O falar non ten cancelas
Unha casa  sempre  aberta
Que todos debemos protexer.
A miña lingua  é  miña nai
É honroso ter unha lingua
Fermosa, digna, que abre portas
Que non ten chaves, que nada pecha,
Ela mesma é a chave do mundo.
A miña fala é o máis importante,
Debo honrala cando a uso
Sentirme orgulloso de tela
Por ser o meu carné de identidade.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Do seu pasado glorioso no medievo
Debemos sentirnos en débeda
E propoñernos fortemente devolverlle
a importancia que nunca debeu perder.
Loitemos xuntos por fortalecela
Fagamos visíbel esa chave de ouro
Que nos abre todas as portas do mundo,
E ofreceremoslle un futuro digno.
Soñemos que somos os  dignos fillos
Da nai patria que todo nolo entregou,
Defendamos esta cultura e esta fala
Que coas súas bágoas protexeu
E en herdanza nos legou .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.
Sexamos herdeiros merecentes
Da fala de Rosalía, do pobo de Pondal
Do progreso de Curros, da poesía social
De Celso Emilio, dos contos de Ánxel Fole,
Da patria que amou o artista Castelao,
Da imaxinación prodixiosa de Cunqueiro,
Da nova narrativa galega, do  noso teatro,
E até do códice calixtino....
E doutros mil nomes máis da nosa literatura,
Pero non debemos quedar só aquí,
Os soños poden ser realidade.
Debemos saír das tristes tebras,
Das néboas para poder ver lucir o sol.
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

Propoñamos como bandeira
A defensa da nosa lingua
Poñamos a nosa alma en falala
Que o noso corazón sexa o galego,
Que o brillante azul do noso mar
Sexa o brillo da nosa lingua
Sexamos nós valerosos soldados
Que loitan con pacífica arma
Que leda sae dos  nosos beizos,
Non a deixaremos morrer,
Sempre estaremos á súa beira,
Mesmo coa propia vida gardaremos
A importante chave que  temos .
O galego é unha lingua con historia,
O galego é unha lingua honorábel,
É unha lingua con pasado, con memoria
Con prestixio e con tradición formidábel.

17 abr 2013

Telediver: Conversas con Gendebeat

Recén saída do forno a entrevista que as profesionais de Telediver lle fixeron a Carlos Gende (Gendebeat) o pasado xoves tras impartir este o obradoiro de beatbox ao alumnado de 3º e 4º da ESO. Esperemos que a disfrutedes!

15 abr 2013

Music-Galeguízate: MeDoMeDá

Nesta ocasión é Santi Villaverde, de 2º Bacharelato, o que nos achega a súa suxestión musical en galego: o grupo compostelano MeDoMeDá.


E velaquí vos deixo dous dos seus temas: frescura, bo humor e doses de rock desenfadado!

11 abr 2013

Carlos Gende, beatboxer, no Chano Piñeiro

Como anunciabamos onte, hoxe visitounos o artista cercedense Carlos Gende (Gendebeat) para impartirlle ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e @s alumn@s de Música do Bacharelato un obradorio de beatbox. Ao longo de hora e media, Carlos explicounos as orixes e a historia deste 5º piar do hip hop amáis de ofrecernos unha pequena exhibición tanto de beatbox como da música que el fai. Até conseguiu levantar ao público dos seus asentos!! (non se moito insistir...)



Unha das grandes sorpresas da mañá foi cando Zeus, alumno de 2º de Bacharelato e membro do EDL do centro, demostrounos as súas habilidades co beatbox e incluso acompañou a Carlos mentres este rapeaba uns versos! (desculpade a calidade do vídeo pero coido que era interesante facer esta mención especial)


Desde o EDL queremos darlle as grazas a Carlos pola súa amabilidade e polo "bo rollo" que nos transmitiu. Ah! E proximamente poderemos ver a entrevista que lle fixeron as mozas de Telediver...permanecede atent@s!

10 abr 2013

Music-Galeguízate: Gendebeat

Aproveitando que mañá xoves 11 de abril estará no noso centro impartindo un obradoiro de beatbox, esta semana dedicamos esta sección ao beatboxer Carlos Gende, alias Gendebeat. Este cercedense, comprometido coa terra e coa língua, é un dos máximos expoñentes desta arte en Galicia e ten colaborado con diferentes bandas do país como DiosKeTeCrew, Machina ou Zënzar usando o seu instrumento vocal como acompañamento musical. Que mellor ca el mesmo para explicarnos en que consiste iso do beatbox:


Ademais do beat-box, Gendebeat inclúe no seu repertorio musical temas de reagge-ragga como o que aquí podemos escoitar...

... e é o creador do tema que resultou gañador na pasada edición do Cantalingua : "Tíralle da Lingua"





8 abr 2013

O álbum ilustrado de Cantares Gallegos

Hoxe traemos a este recuncho o marabilloso traballo realizado nas súas clases de Plástica polos rapaces e rapazas de 1º da ESO do IES Blanco Amor de Ourense. Parabéns!!



Vía Carta Xeométrica

23 mar 2013

Que empece a función!

O pasado luns 18 de marzo, o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizou unha saída co alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato. Acompañámolos a Santiago de Compostela a asistir á representación de Que empece a función!, unha montaxe do Teatro da Esmorga. Trátase dunha viaxe no tempo polo teatro galego a través de pequenos fragmentos de obras teatrais desde o Rexurdimento até os nosos días, unidos polo fío condutor dun narrador que vai explicando o que estamos a ver, contextualizando cada fragmento no seu período e no seu autor e ofrecéndonos unha breve historia do noso teatro.


Pensamos que foi proveitoso e interesante para o alumnado. Vimos que disfrutaron da función e tamén (como non!) do paseo que a continuación puideron dar polas rúas de Compostela. Foi, polo tanto, toda unha mañá sen clases; pero o alumnado recibiu unha lección sobre a historia do noso teatro que sería imposible impartir dentro das aulas.

20 mar 2013

Telexornal Roberto Vidal Bolaño

Que mellor maneira de comezar a serie de artigos que servirán de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño (Letras Galegas 2013) que con este estupendo traballo feito polo EDL do CPI dos Dices de Rois. Un telexornal no que se fai un repaso pola vida e obra dun dos máis importantes dramaturgos en lingua galega.
Parabéns pola iniciativa!



Vía Carta Xeométrica

18 mar 2013

Music-galeguízate: Carmiña Vacaloura

Rematamos a sección para este trimestre coa versión que fixo Daniel Vigo de 4º ESO dun dos clásicos do Xabarín Club, "Carmiña Vacaloura" unha canción con base no jazz do Maestro Reverendo e que marcou, dunha maneira ou outra, aos nenos e nenas de Galicia. De feito, a moit@s ben seguro que lles daba certo medo... 

Este é o videoclip orixinal que se vía na tele...


...e velaquí a versión reducida que, só con imaxe,s, fixo Dani:


15 mar 2013

Recitando a Rosalía...

Como parte dunha actividade de aula da materia TIC de 1º Bacharelato na que había que empregar a ferramenta Audacity para facer unha montaxe de son, o alumnado decidiu recitar poemas de Rosalía de Castro sobre un fondo musical. Este foi o resultado:

Unha vez tiven un cravo  (Recitado por Rafael Canabal)



Adiós ríos, adiós fontes (Recitado por Carlos Cadavid)



Airiños, airiños, aires (Recitado por Iván Barreiro)

11 mar 2013

Music-galeguízate: Heredeiros da crus

Unha nova entrega do Music-galeguízate nesta banda adicado ao grupo do Barbanza Heredeiros da Crus. En primeiro lugar, Iván Barreiro, de 1º Bacharelato, achéganos unha breve reseña á historia e discografía do grupo na seguinte presentación:

E agora  Claudio Troitiño, de 4º ESO, ilustra con imaxes o seu tema Pío, pío paxariño. Unha especia de videoclip "made in Forcarei".


E quen non se lembra de "clásicos" dos Heredeiros como...