21 jun 2014

A misterio da casa encantada

Cando alguén é quen de mobilizar a tanta xente para realizar un proxecto quere dicir dúas cousas: que ten moita paciencia e moito talento. Isto foi o que fixo Isabel, profesora de música do IES Chano Piñeiro, o pasado mércores 18 de maio con todo o seu alumnado para darlle forma a un conto musical que levou por título "O misterio da casa encantada".
Isabel con Jacobo, Rafa, Andrea,
Sofía e Lucía que exerceu de narradora
A idea xurdiu de Andrea, Sofía, Rafa e Jacobo catro alumnos de 1º de bacharelato que foron os que crearon, deron forma e puxeron en escena esta historia de misterios e pantasmas; das voces e dos instrumentos encargáronse o resto dos mozos e mozas de Música ata conseguir un espectáculo redondo que puidemos desfrutar profes, alumnos e pais do IES Chano Piñeiro e o alumnado e profesorado do CEIP Nosa Señora das Dores.
Parabéns para tod@s!

Isto é o que Isabel nos conta sobre a experiencia:
O Misterio da Casa Encantada, primeiro Conto Musical do IES Chano Piñeiro

      Supoño que cada docente pensará o mesmo da súa materia. De aí que eu, que estou na media, crea que ser profesor ou profesora de música é en Galicia un verdadeiro desafío, máis se traballas nun centro rural como o de Forcarei. Chega principio de curso e automaticamente se che transforma a cara nun sudoku musical onde tes que combinar en cada clase a alumnos con moita bagaxe que tocan nas bandas de música e gaitas da zona, con alumnos que (afortunadamente!!!) aínda lembran as aprendizaxes musicais do cole onde estudiaron primaria; alumnos que xa levan tres cursos contigo con alumnos cos que só estiveches un ano; alumnos de diversificación na mesma aula que os de ordinario,...
E entón pensas: “Uhhhhh!!!!!!”
Pero esto é en setembro. Antes, en agosto –coa tranquilidade das vacacións, o beneplácito da boa gastronomía e o pouso de interesantes conversas- empezas a darlle voltas ao curso e perfilas un proxecto musical que englobe a todos os teus alumnos. “Cantos máis participen, menos vergoña para as interpretacións”, pensas. Tamén te fixas en cada alumno, en que lle gusta, en que destaca, e lembras que vas volver a ter na túa aula estudiantes aos que lles gustaba escribir. Engades a todo esto a túa propia paixón pola ópera, musicais e teatro, e deixas que todas estas ideas te arrolen provocando un apracible e fermoso sono que finalmente se cumpre a finais de xuño. 

Deste xeito, vimos de estrear o primeiro mini-musical do Chano Piñeiro: O Misterio da Casa Encantada. (Preme encima do título se queres saber cal é o argumento do musical!). 

En realidade estábamos predestinados a esta actividade, desde que Les Misérables se estreou nos cines de Galicia en decembro de 2012, proxectamos o DVD en novembro de 2013 e asistimos algúns de nós ao musical que chegou a Vigo en febreiro deste ano. As imaxes e a música impactaron de tal forma que algo (ou todo) cambiou nos alumnos de 4º e Bacharelato, e a partir de aí todo foi moi fácil.

Sobre todo, pretendín que o noso conto fora en realidade o “Conto dos alumnos de Bacharelato”, que eles mesmos propuxeran, decidiran e levaran a cabo: tiveron a idea do argumento, escribiron boa parte dos diálogos, fixeron decorados, elixiron aos outros protagonistas, decidiron como se actuaba... O Departamento de Normalización Lingüística colaborou na coherencia e corrección do guión; Anxo (ademais) preparou o folley e xunto cos Departamentos de Francés e Filosofía responsabilizáronse de fotografía e camarógrafía; Marco, noso bedel de oído exquisito, reconverteuse en técnico de son; e desde o Departamento de Música, aportamos a Banda Sonora e a coordinación de toda a función.

Quedounos bastante operístico, argumentalmente coma se Verdi e Wagner fixeran mesa redonda con Carlos Ruiz Zafón e Isabel Allende. Ollo, só argumentalmente: no tocante á música resultamos... digámolo así... “bastante eclécticos”, xa que alternamos obras de coro de Antonio Garcia-Palao Redondo, cun fragmento de Les Misérables de Boblil e Schönberg; a versión de Gary Jules de Mad World, e un Vals instrumental de Brahms.

E mentres Lucía narraba o conto, Rafa, Andrea, Sofía e Jacobo representaban as diferentes escenas, ao tempo que todos os alumnos de música do IES Chano Piñeiro reforzaron os momentos máis dramáticos con obras musicais en diferentes estilos e linguas. Durante hora e cuarto, todos xuntos e ao mesmo tempo.

Sudoku resolto (para este curso). Veñen as vacacións... “Uhhhhh!!! Que apuntarán cara a setembro?”

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.