20 may 2010

Somos unhas /uns artistas




Aquí vos deixamos os finalistas do concurso de banda deseñada que argallamos entre o ENDL e o departamento de plástica. Cal vos gusta máis? Opinade.

19 may 2010

O departamento de Plástica súmase á homenaxe a Novoneyra

O departamento de Plástica decidiu sumarse ás homenaxes á Novoneyra e traballaron por grupos na ilustración dun poema do autor lugués.
Velaquí o escollido polos de 2º da ESO:

Os de 3º da ESO elixiron estoutro:


E os de 4º ESO:
- -

Jaureguizar, entre nós

O pasado venres 14 de maio visitounos unha vez máis o escritor Santiago Jaureguízar. Xa estivera no noso centro hai dous anos pois daquela leramos a súa novela Salitre. Desta estivemos os de 2º ESO durante unha hora falando con el sobre o libro que lemos este ano, O contador de estrelas. Un primeiro amor entre Antía e un rapaz albanés, un pai desaparecido que aparece, referencias a Luna Nueva, a extraterretres,... Moitos ingredientes para que o pasedes ben este verán léndoa. Nós recomendámosvola.
Déixamovos agora unha pequeniña presentación cun par de fotos que tiramos neste acto. E en breve, poñeremos un enlace coa entrevista que lle fixemos.

13 may 2010

Xurxo Mariño, no IES Chano Piñeiro

Hoxe tivemos a sorte de contar con Xurxo Mariño no noso centro. Neurocientífico da Facultade de Ciencias da Saúde de A Coruña, é un dos grandes divulgadores deste tipo de ciencia no noso país. Neste sentido é ben interesante o proxecto do Discurshow que leva a cabo para a divulgación rigorosa e divertida da ciencia co actor Vicente de Souza.
Para esta ocasión, Xurxo Mariño ofreulle ao alumnado de 4º ESO e 1º Bach a conferencia titulada Neuronas, mente e realidade virtual. Falounos da estrutura do sistema nervioso central, da percepción, da relación entre o eu e a mente e, en xeral, do funcionamento do noso cerebro. E todo dun xeito moi ameno e interesante. Agardamos que non tarde moito en volver polo noso centro.



7 may 2010

Correlingua: a nosa homenaxe a Novoneyra


Onte 6 de maio participamos na festa do Correlingua que se celebraba en A Estrada. Para esta ocasión, o alumnado escolleu palabras que conformaban versos de Novoneyra e que levaban ás costas. Como a lingua. Os versos que escolleron foron os seguintes. Haberá que pensar por que:



  • Un pobo nace sempre
  • Galicia do silencio, calada á forza
  • Galicia, será a miña xeración quen te salve
  • Neva para atenuar o mundo
  • A forza do noso amor non pode ser inútil
Deixámovos cunha presentación desta festa na que cantamos, choutamos, berramos, bailamos, en fin, queo pasamos moi ben. Antes podedes poñerlle unha banda sonora, por exemplo, este tema de Mercedes Peón, moi ao caso:


II Concurso de elaboración de Proxectos emprendedores


Despois do éxito do pasado ano, o ENDL do IES Chano Piñeiro xunto co Departamento de Ciencias Sociais e a Agrupación de Comerciantes de Forcarei convoca o concurso de elaboración de proxectos emprendores que favorezan o desenvolvemento da zona de Terra de Montes e contribúan á fixación da poboación. As demais condición, tédelas nesta foto.

De momento vai dirixido só ao alumnado do Chano Piñeiro pero posiblemente para o ano intentaremos que poida participar un maior número de centros. E, coma sempre, se queredes colaborar nun futro ou facernos suxestións estariamos encantados de recibilas. E xa sabedes como facelo.

Roteiro A praia dos afogados

O pasado 14 de abril o alumnado de primeiro de Bacharelato -despois de ler os dous libros do detective Leo Caldas- tivemos a sorte de percorrer co seu autor, Domingo Villar, o escenario de A praia dos afogados, durante unha fermosa mañá primaveral. Ademais o director do centro de estudos do Val Miñor agasallounos cunha lección magnífica e multidisciplinar sobre este marabilloso recanto do sur de Galicia. Serían estes os cons nos que afundiran a barca?
Agardamos que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística siga argallando este tipo de saídas. E este ano, aínda tivemos sorte pois xa imos coa segunda, despois do roteiro de Castelao no mes de xaneiro.