O curso pasado, puxemos en marcha unha iniciativa dirixida a calquera membro da comunidade educativa que tivese curiosidade por coñecer a orixe dos seus apelidos. A esta información engadímoslle un mapa onde figura a frecuencia e extensión de cada un deles, tomado daCartografía dos apelidos de Galicia.
Este ano mantemos a proposta desde a web da biblioteca https://www.chano.gal
Calquera persoa interesada pode facernos chegar a súa petición deixando anotado o apelido no taboleiro do EDLG do Centro ou enviándoo á páxina citada.
O último día de setembro estivo connosco a escritora Estíbaliz Espinosa. A música e a poesía, a muller e a ciencia, estes foron os eixes da súa acción artística, 7 constelacións que xa non son invisibles.
Chegou ata aquí da man do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero"
O día de fin de curso estivo connosco Celso Fernández Sanmartín, "Celsiño". Veu contarnos historias ou, como nós preferimos dicir, contar a Historia. E que ben o fai! Ninguén coma el para unir presente e pasado, mozos e vellos, nun mesmo eixe.
En xuño tamén saímos coa lingua de paseo. Mentres o alumnado de 2º de ESO estaba no Museo do Pobo Galego e 3º paseaba polo centro histórico de Santiago, todo 1º pasaba a mañá no castro de San Cibrán de Las. Visitamos o castro e o seu museo e fixemos actividades para entender mellor as escavacións arqueolóxicas, os habitantes dos castros e a cultura castrexa.
Amosamos aquí o folleto, un cuadríptico, que o EDLG elaborou e distribíu entre o alumnado e os outros membros da comunidade educativa sobre diferentes aspectos de corrección lingüística. Esperamos que esta pequena contribución a prol dunha lingua de calidade sexa do agrado de todas aquelas persoas que o reciban.
No noso concurso de microrrelatos "Mes das Letras" resultaron premiadas dúas rapazas: Silvia Álvarez Fontán, de 2º de ESO, e Laura Alonso Suárez, de 4º.
Queremos agradecer a todos o empeño e a participación.
"As neveiras de Fixó son únicas, un patrimonio extraordinario".
Isto foi algo que recalcou o relator convidado, Tito Concheiro. Este arqueólogo, que dirixiu as escavacións recentemente realizadas, estivo no Centro para explicarnos o que estas neveiras, localizadas na parroquia de Millerada, significaron na súa época. Recordounos que foron construídas no século XVII para fabricar xeo e, o máis importante, explicounos por que se construíron nese lugar, quen o fixo e como o fixeron. Expuxo polo miúdo que pertencían ao arcebispado de Santiago, que era o cabido santiagués quen recibía o xeo e controlaba a súa produción, e todo o que iso implicaba. Case un tesouro.
Todo o alumnado de ESO participou un ano máis no Correlingua. Celebrouse na Estrada o 20 de maio. Alí estaban tamén alumnas e alumnos de todos os centros do concello da Estrada e do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Tres horas de festa para falar, cantar e bailar. E en galego, por que non?
Esta vez, ímonos permitir unha licenza; queremos facer referencia a algo que non fixemos nós, pero que a persoa que nos dá nome, Chano Piñeiro, celebraría con gran ledicia:
O director de cine Oliver Laxe acaba de presentar no Festival de Cine de Cannes a película O que arde. Alí, a súa estrea foi un éxito. Esta longametraxe convértese na primeira película que se proxecta en lingua galega no prestixioso festival francés.
Gravada nos Ancares, protagonizada por unha actriz e un actor non profesionais, a medio camiño
entre a ficción e o documental, a película constitúe un achegamento ao poder hipnótico do lume e á profundidade do ser galego.
O que arde estrearase nas salas galegas a finais deste ano 2019. De momento, deixamos aquí un clip que nos permite adiviñar por que recibiu tan excelentes críticas e un enlace a unha crónica sobre ela.
Esta vez, estivemos por terras de Ourense, primeiro en Trasalba, e logo no conxunto histórico e artístico de Santa Mariña de Augas Santas. Tamén visitamos o cemiterio de San Francisco. Queremos recordar que neste cemiterio de Ourense descansan grandes nomes da literatura, as artes e o pensamento:Blanco Amor, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lamas Carvajal, Cuevillas ou Xavier Prado «Lameiro.