15 abr 2020

Querido avó, amada avoa: Para vós, sempre

Nestes tempos escuros, non queremos nin podemos esquecer as persoas maiores. Queremos dicirlles que estamos ao seu lado;  con angustia, pero tamén con esperanza. 

Ana María Fernández, escritora galega nacida en Palma de Mallorca, ten, no seu libro Amar e outros verbos, un fermoso poema dedicado á vellez.  

Recollemos aquí o videopoema, feito polo noso ex-alumno Sebastián, que aparece nunha das páxinas anteriores deste blog,en honra de todos eles  . 

                https://linguademontes.blogspot.com/2017/06/verso-verso.html


                                            Envellecer     
 
Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos.


                               
         

25 mar 2020

Quedamos na casa! Aquí temos catro xogos


Estamos na casa, si, estes días quedamos na casa. 
E temos moitas maneiras de pasar o tempo: unha delas é  xogando. A asociación Socio-Pedagóxica Galega ofrécenos, de balde, catro xogos :
o Trivial.GZ, o Ledtrad@s.gz, o Xogo da Curuxa e o Catapalabras ou Categorizando.                 
Son xogos para nenas e nenos e tamén para adultos. 

Podemos ver máis información sobre estes xogos tamen en





3

28 feb 2020

Nasín cando as plantas nasen


                                               Nasín cando as plantas nasen,
                                               no mes das flores nasín, 
                                               nunha alborada mainiña... 

Estes versos de Cantares Gallegos foron o punto de partida da Semana de Rosalía este ano. Nos seus poemas nomea moitas plantas e sobre elas traballamos: A exposición As plantas de Rosalía con estrofas e ilustracións realizadas polo alumnado, a lectura dos poemas e o agasallo dos marcapáxinas.
Velaquí unha pequena mostra.








24 feb 2020

Verso a Verso: Día de Rosalía 2020

Cada 24 de Febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, para recordar a data de nacemento da escritora.
O alumnado de 1º de ESO protagoniza, desta vez, este videopoema.

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!


 

5 feb 2020

Os nosos apelidos teñen dereito..., a estar correctos e en galego

Ao longo do mes de xaneiro, puidemos ver no Centro unha exposición sobre os apelidos máis comúns entre o alumnado, o seu significado ou a súa orixe.
Ao mesmo tempo, levamos a cabo unha campaña de información sobre as formas correctas de ditos apelidos, moitos deles deturpados desde hai máis dun século, así como unha ampla explicación acerca de como recuperar os nosos apelidos auténticos.





          PREME NA IMAXE INFERIOR  PARA VER TODA A INFORMACIÓN

https://www.chano.gal/novas/os-nosos-apelidos-tamen-tenen-dereitos


25 ene 2020

Teatro..., no Chano

A actriz Estíbaliz Veiga estivo con nós representando un monólogo, Golpes, baseado nunn caso real de violencia de xénero.  Esta actividade enmárcase no programa que se está desenvolvendo no Centro "365 días pola igualdade".




7 ene 2020

Calendario


Un ano máis, desde o IES Chano Piñeiro, quixemos agasallar a toda a comunidade educativa cun calendario. Esta vez, o río Lérez, desde o seu nacemento ata a desembocadura, foi o protagonista. A literatura popular, textos de Otero Espasandín (nacido na parroquia de Castro, Cerdedo) ou de Otero Pedrayo e breves explicacións, noutros casos, acompañan as imaxes que figuran  nas súas páxinas. Estarán connosco mes a mes para recordarnos a beleza e a importancia do noso patrimonio único.

20 dic 2019

Teatro..., na Estrada

Este xoves tivemos o pracer de ver representada a adaptación ao teatro da obra Contiños da terra de Manuel García Barros, da man da Escola de Artes Escénicas da Estrada. A peza emprega a liña argumental de tres  contos, "A carón da pedra", "O Ciridonio non se engana" e "O tío Zanfona", e en palabras de Santiago Cortegoso, autor do texto,  "serve para poñer en valor á narración oral como elemento básico de relación social" .
Desfrutamos moito coa representación.


 






18 dic 2019

Teatro..., no Chano

Este martes pola tarde estivemos no teatro. A compañía A Panadaría representou para todo o alumnado de 3º, 4º de ESO e Bacharelato, no salón de actos, a obra Elisa e Marcela. Esta representación de teatro e música, sobre a relación amorosa entre dúas mulleres de principios do século XX,  recibiu grandes eloxios da crítica e importantes premios, incluído o Premio ao Mellor Espectáculo María Casares 2018.




                                                 Clica AQUÍ, para máis información

4 dic 2019

Coa lingua de paseo: "Galicia, un relato no mundo"

O alumnado de 3º,  4º de ESO e Bacharelato estivo na Cidade da Cultura para visitar a exposición Galicia, un relato no mundo. O motivo inicial da saída era poder ver o Cancioneiro da Vaticana, unha das xoias da lírica medieval galega que, por primeira vez en séculos, saíu da biblioteca que o garda, a do Vaticano.  Nesta exposición hai outras destacadas pezas de alto valor para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo.  Visitamos tamén a Colexiata do Sar e, pola tarde, o Museo de Historia Natural.