30 abr 2015

Tras dos pasos de Castelao e Concepción Arenal

Percorremos as rúas de Pontevedra e Ferrol da man de dúas personalidades que contribuíron a toma de conciencia de si mesmas das mulleres (Concepción Arenal) e dos galegos (Castelao).


         Da man de Castelao partimos do Museo de Pontevedra no que atopamos algúns dos seus cadros senlleiros e seguimos as súas pegadas polos lugares que el andou nos seus anos da capital do Lérez. Mesmo nos achegamos ao que fora aquel proxecto científico e económico que promoveron os galeguistas e amantes da nosa terra chamado Misión Biolóxica de Galicia.
O alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato do IES Chano Piñeiro, tiveron ocasión de saber máis da historia das pedras que hoxe sosteñen a nosa mirada e que en tempos escoitaron os grandes proxectos que para mellorar e desenvolver o noso país tiveron os da xeración “Nós” e que mesmo, como no caso de Bóveda, pagaron coa súa vida a fidelidade ás súas ideas.


         O alumnado de 1º e 2º da ESO, dentro do proxecto Donas de si da Consellaría de Educación, visitaron o Ferrol de Concepción Arenal. Ademais de saber da historia desta cidade en feminino en xeral, profundamos especialmente nalgunhas das súas veciñas máis ilustres. Especialmente nos chamou a atención Aurora e a súa filla Hildegard Rodríguez Carballeira.

         Quizais podíamos facer unha conexión entre ambos os dous Rodríguez. Hildegard e Alfonso Daniel. Unha foi un proxecto de liberación da muller que se trasladou a Madrid para atopar máis eco nas elites do Estado, tentando desde o centro e desde arriba mudar o mundo. Outro, Castelao, ficou na Terra, para desde este recuncho transformar as cousas. Ambos os dous atoparon coa inxustiza e a incomprensión dos privilexiados e poderosos cos que -aínda que desde camiños distintos- acabaron topando.
        E as cidades, Pontevedra e Ferrol, reflicten tamén ambas as dúas dimensións destes Rodríguez. A primeira, a máis antiga grande cidade galega, coas características propias do país (axeitadas as abundantes choivas e do granito que tanto abunda), a outra, creada por decreto a partir da nada, cuadriculada e racionalista a imaxe e semellanza do Estado que a fundou. Quizais ambos espazos tiveron inflenza na personalidade dos escritores que fomos coñecer no seu ambiente. Castelao dicía que os galegos adentramos na nosa paisaxe e a nosa paisaxe adentra e nós. Non é raro atopar trazos do diferente contexto urbano na obra de Castelao e na de Hildegard. Os rapaces de Forcarei quizais logo de visitar estes lugares comprendan mellor o seu pensamento.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.