30 mar. 2014

Viaxe á porta do alén da man do escritor Carlos Solla

A montaña máxica do Monte Seixo

           O venres 28 de marzo, o alumnado de 4º da ESO e 3º PDC  percorremos da man do escritor Carlos Solla o chan sacro do cumio do Monte Seixo, un entorno máxico que durante séculos sedimentaron lendas populares a partir da orografía emocional e material do terreo, erguendo interpretacións do que alí acontecía, do que as pedras contaban e do que un podía albiscar alén do común grazas a situación elevada no que se atopa. Elevados no físico e no metafísico. Deixando pegada na conversa da comunidade que o circunda, e tamén reflexo na literatura máis universal a través de referencias nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio ou no veciño desta contorna Frei Martín Sarmiento.

         Carlos Solla fixo un traballo de recollida e investigación que nos permite hoxe mirar con outros ollos o que a simple vista puidera parecer unha poza ou un penedo. Coñecer o significado que tivo para quen habitou e visitou este espazo antes que nós, mais tamén desenterrar -cando menos coa mente- as persoas que viñeron dar cos seus ósos nesta necrópole co fin de ser lembrados e vivir eternamente no recordo da xente.

Un entorno natural -hoxe un parque eólico industrial- que a pesares da intervención agresiva e deshumanizada presente non puido borrar o rastro dun punto estratéxico na mirada secular dun pobo que usou de referencia para os seus ritos de sociabilidade e transcendencia que máis que supoñer un consolo particular para quen o practicaba, representou durante milenios o respecto a natureza para legado das xeracións futuras, un respecto que semella temos perdido e que quizais viaxes coma esta, coa compaña de guieiros tan sabios, nos axude a recuperar nas xeracións futuras.


No hay comentarios:

Publicar un comentario