11 nov. 2012

Visita á TVG

O pasado xoves día 9, o departamento de música organizou unha saída ás instalacións Televisión de Galicia que, como ben sabedes, é a única canle de televisión cuxa programación emítese integramente (ou case...) en galego. Realmente, é un pequeno oasis dentro dos medios de comunicación en galego, tras a desaparición dos quioscos do Xornal de Galicia (último medio da prensa escrita feito en galego) ou o peche das versións dixitais do propio Xornal, A Nosa Terra ou Vieiros.

Por fortuna, grazas a aparición dos diarios dixitais Praza Pública ou Sermos Galiza a principios de ano e o mantemento do "veterano" Galicia Hoxe  podemos seguir disfrutando de prensa dixital de galego, a pesar de todas as trabas e dificultades...

Precisamente polo feito de visitar un dos poucos medios de comunicación onde a nosa lingua é preponderante, pedimoslle a Isa, profe de Música do instituto, que nos fixera un breve resumo do que foi a visita:

"O xoves 8 de novembro o alumnado do IES Chano Piñeiro -3º de ESO ao completo e os alumnos e alumnas de música de 4º de ESO e 1º de BAC- desprazámonos a San Marcos en Santiago para visitar as instalacións da CRTVG. O motivo? Poder observar a realidade dunha televisión en directo e relacionala cos aspectos teóricos e técnicos que aprendemos na materia de música en 4º de ESO relacionados coa música e medios de comunicación.

Elena, relacións públicas da TVG fíxonos un percorrido guiado polas instalacións dos tres edificios que conforman esta entidade, explicando os lugares, os servizos, os traballos e as peculiaridades de traballar nun medio de comunicación como a Televisión de Galicia: desde o decorado dos platós ata a maxia do croma e a tecnoloxía, desde as caras máis coñecidas ata os case mil traballadores que forman parte desta familia audiovisual, desde a inmediatez do directo ata a perfección da gravación.
Interesante visita que contou cun saboroso final cando Xosé Ramón Gayoso achegouse a saudarnos e a contarnos algunha experiencia sobre os 20 anos en antena do Luar, o programa máis lonxevo da TVG. Moitísimas grazas aos dous!"




Grazas Isa, pola túa colaboración!

No hay comentarios:

Publicar un comentario